CulturaCulturaÚltima hora

Gastronomía, música e un podcast propio, entre os actos do Festival Internacional de Curtas de Verín

O Auditorio de Verín tamén acollerá na semana do festival un pase de exhibición da curta "Enferma", protagonizada polo actor local Toni Salgado e proxectada fóra de concurso

Cata de cervexas na anterior edición do FIC Verín./ Foto: FIC Verín.

 

A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, continúa perfilando unha axenda de actividades paralelas para todos os públicos que se desenvolverá ao abeiro da vindeira edición do certame. Unha cita que comenzará o 8 de setembro na vila do Támega e que se estenderá durante nove días, que converterán a localidade “no epicentro da cinematografia e da cultura na provincia de Ourense”. Así o destaca o responsable do certame, Carlos Montero, quen afirma tamén que nesta edición de 2023 se van promover máis accións paralelas que en anos anteriores “para que poidan gozar delas os habitantes de Verín e aqueles que visiten a zona co gallo do festival”.

Deste xeito, está previsto intensificar as actividades gastronómicas e musicais que se van poñer en marcha, fundamentalmente, no espazo exterior do auditorio durante a semana na que se celebre o FIC. Pero non será este o único espazo escollido para desenvolver estas accións. Co obxectivo de levar a esencia do festival ata o corazón da vila, a organización aposta por desenvolver na Praza Maior unha acción musical a cargo do grupo Caspervek. “Sacamos o cinema á rúa, cunha proposta clásica onde a música en directo acompañará películas que forman parte da historia cinematográfica”, apunta Montero.

“Esta actividade pretende formar novos públicos e achegalos ao cinema. Así, empregando elementos do jazz clássico, a música contemporánea, o folk ou a electrónica, os membros deste grupo construirán un espazo sonoro e performativo propio que musicalizará pezas como Viaje a la luna, Alicia en el país de las maravillas, Felix go west, Les Kiriki ou La casa eléctrica”, engade o director do FIC Via XIV.

The Funkles, Banda de Garda e sesións de DJs

No marco da axenda musical do FIC, programaranse tamén concertos a cargo dos grupos The Funkles e Banda de Garda, e tamén haberá sesións por parte de diversos DJs nos arredores do Auditorio de Verín. Banda de Garda realizará un vibrante percorrido por algunhas das bandas sonoras máis coñecidas do cinema e The Funkles realizará un tributo á mítica banda de Liverpool The Beatles prestando especial atención a aquelas cancións que serviron de banda sonora para diversos filmes. As datas e horas de cada un destes concertos daranse a coñecer proximamente, cando se divulgue o programa completo da VIII edición do Festival.

As actividades gastronómicas tamén xogarán, un ano máis, un papel importante no desenvolvemento da axenda paralela do certame. Tras o grande éxito de 2022, o FIC Vía XIV promoverá unha nova cata de cervexas “dispostas a saciar os padais máis esixentes”, segundo relata Carlos Montero. Esta actividade fusionarase coa música porque o considerado mellor tirador de cervexa de España e DJ de música en galego, Gustavo Rey, ofrecerá unha sesión de música en directo durante o decurso desta cata xunto ao seu colega, o tamén músico, Óscar Piñeiro.

Artigos relacionados

Back to top button