Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Gerardo Seoane: “A revolución que viviu Verín nos últimos oito anos é o noso mellor aval”

Así o aseguraba esta tarde o candidato socialista neste concello e actual alcalde nun mitin no que expoñía as liñas do seu programa electoral

 

O PSdeG-PSOE de Verín vén de presentar á veciñanza un “ambicioso programa electoral” co que buscarán seguir “afondando na transformación do municipio a partir do 28 de maio, apostando por mellorar a calidade de vida da veciñanza, as infraestruturas e os servizos municipais. . Ademais os socialistas aproveitaron tamén para facer balance dos logros conseguidos nos últimos anos de goberno, así como analizar a situación das arcas municipais, dende a chegada do PSOE á alcaldía, comparando cos datos que deixaron os gobernos municipais do PP.

O candidato á alcaldía, Gerardo Seoane, afirmou que “a revolución que viviu Verín nos últimos oito anos é o noso mellor aval” e destacou que “o noso programa electoral está escrito nas rúas e proclamado nos parques e zonas termais, na rede de aparcadoiros libres e na potenciación da cultura e da imaxe dunha vila tolerante”.

En relación aos investimentos, subliñaba Seoane que nestes últimos 8 anos “realizáronse importantes inversións, cun montante aproximado de 20 millóns de euros”. Tamén explicaron que durante os últimos 8 anos “o aumento de impostos á veciñanza foi dun 0%, namentres que durante os gobernos do Partido Popular, aumentaron nun 45%, repercutindo directamente nos petos dos veciños e veciñas”.

 

 

Os socialistas tamén puxeron o foco nas transferencias recibidas doutras administracións e afirmaron que “namentres o Goberno central aportou 2.5 millóns de euros, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense transferiron 0 euros ao concello de Verín”. Neste senso criticaron a política do Partido Popular, que “destina cartos a esgalla aos concellos da súa cor política, namentres castiga a concellos como o de Verín, algo que repercute directamente na veciñanza, que é tratada polo PP como cidadáns de terceira categoría”.

O candidato á alcaldía de Verín e actual alcalde, Gerardo Seoane Fidalgo, aproveitou a súa intervención para destacar os futuros proxectos en materia de infraestruturas que teñen preparados para o municipio a partir do 28 de maio. “Impulsaremos a fase 2 da circunvalación norte coa mellora da comunicación entre a estrada de Laza e a estrada de Castilla; tamén levaremos a cabo a fase 2 da circunvalación sur, actuando no tramo entre a nacional 532 e o balneario de Cabreiroá”.

Tamén apuntaba que imos “seguir avanzando na mellora e transformación da rúa Luís Espada e na avenida de Portugal, ademais de non esquecer aos barrios, onde abordaremos obras de mellora “na Noria, Tuelas, urbanización Cabio, San Antón – San Rosendo, Rosalía de Castro, Marbana, estrada a
Vences, rúa Alameda, rúas Espido e Fontenova ou a travesía de Sousas”.

O actual rexedor manifestou que para lograr todo isto “precisamos do voso voto, que renovedes a confianza no meu equipo e que xuntos sigamos dando exemplo, con coraxe e autoestima, desta vila culta e poderosa, alma e corazón do val de Monterrei”.

O candidato socialista á alcaldía de Verín subliñou que nos próximos catro anos “seguiremos apostando pola posta en valor do casco antigo; pola mellora e construción de novas zonas verdes, parques infantís e xardíns; polo impulso nos parques industriais de Queizás e da estrada de Oímbra; por poñer o río Támega no centro do mapa, cunha aposta clara e decidida polo medio ambiente; por favorecer o aforro e a eficiencia enerxética; pola mellor dos servizos municipais; por un coidado máis eficiente dos nosos maiores; por promover á cultura, ás feiras e festas, o turismo, o deporte; e pola mellora das dotacións infantís e ofrecerlles actividades de ocio san á mocidade”.

Artigos relacionados

Back to top button