
“Crónica dun pobo”, a última montaxe da compañía valdeorresa Gargallada Teatro, recalaba na pasada fin de semana no Teatro Principal de Santiago. Era unha das seis pezas seleccionadas para formar parte do programa do XXIII Festival Agustín Magán, que promove a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA)”, informan dende Gargallada Teatro.
A representación, que podía verse na tarde do 22 de setembro, tiña unha gran acollida e resultaba todo un éxito. “Especialmente agradecidos quedamos pola presenza de veciños e veciñas do Barco residentes actualmente na capital galega”, destacan dende este grupo valdeorrés.
“Crónica dun pobo” parte de dous textos teatrais de Miguel Gila, adaptados por Manuel Caramés, que asume tamén a súa dirección. A función consta de dúas partes. A primeira delas está protagonizada por dous soldados que loitan en bandos distintos e son amigos e inimigos ao mesmo tempo.

O elenco que participa nela, formado por unha ducia de actores, é o seguinte: Xosé Lois Conde, Juanjo Fernández, José Manuel G. Borace, Reyes Limia, Álvaro Baños, Lalo Santos, Aurora Fernández, Manuel González, Carmen Hernández, Emilio González López, Ángel Rodríguez, Xavier Blanco. Ademais cabe mencionar a colaboración musical da acordeonista Antela Roo.
Fotos cedidas.