En portadaÚltima hora

Grave accidente de tráfico na N-120 á altura de Vilamartín

Resultaban falecidas dúas persoas e outras tres feridas, segundo vén de confirmar o 112 Galicia

 

Rozando ás 7h. desta mañá tiña lugar un grave accidente de tráfico na estrada N-120 entre Vilamartín de Valdeorras e A Rúa. O sinistro producíase ao chocar un camión que transportaba porcos con dous coches. Un deles rematou debaixo do remolque do vehículo que transportaba animais, no punto quilométrico 464 da N-120.

O condutor do camión faleceu e tivo que ser excarcerado polos servizos de emerxencias desprazados ao lugar os feitos, ao quedar atrapado no interior do vehículo, que envorcou. Ademais, os servizos de emerxencia traballaban ao longo da mañá para comprobar o estado da persoa que viaxaba no coche que quedou debaixo do camión. Finalmente, vén de confirmarse ao fío do mediodía que esa persoa resultaba falecida. “Así o confirmou a Garda Civil de Tráfico ao 112 Galicia, tras a comprobación  do interior do vehículo. Os Bombeiros de Valdeorras utilizaron o material de excarceración para liberar o corpo sen vida da muller. Tamén, retiraron da vía de circulación os porcos que cargaba o camión”, segundo informa o 112 Galicia.

Por outra banda, as outras tres persoas que viaxaban no segundo turismo implicado foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia, tras resultar feridas, para recibir asistencia sanitaria, segundo informa o 112 Galicia.

De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, dos Bombeiros e GES de Valdeorras, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación. A estrada estivo cortada ao longo da mañá.

 

Artigos relacionados

Back to top button