Os establecementos da plataforma “Lecer”, dependentes de Galicia Calidade, convocan un concurso de fotografía en redes sociais entre os clientes dos seus establecementos, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría.
Para participar no concurso, que se desenvolverá a través de Facebook entre o 27 de xullo e o 11 de agosto (ata as 23:00), os usuarios deben de subir unha foto realizada en calquera dos establecementos de Galicia Calidade “Lecer” (indicando de que establecemento se trata) e compartila cos seus amigos para conseguir o maior número de votos posible.
Gañarán o concurso as catro persoas cuxas fotografías obteñan máis votos e, a maiores, os 100 primeiros participantes en subir a súa foto recibirán como premio unha camiseta de Galicia Calidade. O resultado final e a entrega de premios serán comunicados publicamente o día 12 de agosto a través da devandita rede social e persoalmente aos gañadores.
En canto aos premios: o primeiro está dotado cunha noite para dúas persoas nun establecemento de Galicia Calidade Lecer, a escoller polo gañador. O segundo é un menú para dúas persoas nun establecemento de Galicia Calidade “Lecer”, tamén a escoller polo gañador. Finalmente o terceiro premio é un xamón coa certificación Galicia Calidade e o cuarto un estoxo de viños tamén con devandito selo de identificación.
Segundo rezan as bases do concurso, todos os participantes han de ser maiores de idade e deben de seguir a páxina de Facebook de Galicia Calidade.
