
O vindeiro sábado 3 de agosto, a Asociación Carqueixa recuperará en Souteliño un evento clásico da localidade: O Carqueixa Rock&Folk. Nesta novena edición, e como primeiro anticipo de todo o que está por vir, hoxe anuncian parte da súa programación.
Dende o Val de Monterrei actuarán a Banda de Gaitas Nova Era co seu repertorio de música tradicional galega, e dende a Bretaña francesa, desembarcarán coa súa música folk os históricos Gwendal. Este evento de balde naceu no 2012 como un festival musical que reivindica a cultura fóra das grandes cidades; un espazo cheo de boa música, cultura, país e gastronomía.
Tras a parada realizada por mor da pandemia, a organización volta a organizar este evento con moito esforzo mais tamén con moita ilusión. Haberá zona de acampada, actividades infantís e cea popular. A intención da organización deste evento é a “promoción do territorio, punto de encontro interxeracional, creación de comunidade, disfrute de boa música, cultura, país e gastronomía”.
