“Habitar Drados”, o encontro de artes vivas que reúne a diversos artistas de diferentes disciplinas que habitan espazos rurais deshabitados, nesta aldea de Chandrexa de Queixa desenvolvía a súa segunda edición con éxito na pasada fin de semana, do 9 ao 11 de agosto. Creadores, chegados de distintas partes de Europa, percorrían os recunchos desta localidade da montaña ourensá agasallando a veciños e visitantes coas súas variadas propostas, dende mostras ata instalacións artísticas ligadas á fotografía, a pintura e mesmo ao son. Había tamén danza e faladoiros.
Néfur, Adrian Viador, Jose Gonçalo Pais, Belén Yáñez, Brigitte Vasallo, Gena Baamonde son algúns dos artistas que achegaron as súas obras neste segundo encontro de artes vivas de Drados. Foron “propostas de tódolos tipos que fixeron disfrutar aos asistentes e crearon o ambiente de convivencia que se precisaba para pasar tres días de festival na pequena aldea de Drados, no alto da Serra do Burgo”, destacan dende a organización.
Ademais, “este “Habitar Drados” vai máis alá do puro ocio, é un encontro entre vivencias diferentes, entre pensamentos afastados e que conflúen todos nun punto de encontro como é Drados.
Un ambiente de respecto, de familiaridade, de creatividade no que se crean vínculos moi fortes”, engaden os promotores.
A iniciativa está organizada pola Asociación Habitarte co apoio da CMVMC Serra do Burgo de Chandrexa de Queixa e coa colaboración do Concello de Chandrexa de Queixa.
Fotos: Raquel Pérez.

