EntrevistasÚltima hora

“Hai unha débeda histórica importante coa provincia”

O subdelegado do Goberno en Ourense asegura que as diferentes administracións “debemos poñernos as pilas para corrixir a problemática demográfica” e destaca o papel que pode xogar a alta velocidade en Ourense

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, no seu despacho na subdelegación./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Acadar o mellor para Ourense e contribuír ao progreso en todos os ámbitos da provincia. Esa é a principal meta que se marca Emilio González Afonso á fronte da Subdelegación do Goberno en Ourense, un cargo que asumía en xullo e que supoñía para este médico (que ata ese momento exercía en Atención Primaria no Riós) a súa volta á primeira liña da política, tras deixar no 2007 a alcaldía de Verín.

Nestes catro meses como subdelegado mantivo xa numerosos encontros con diversas institucións, organizacións empresariais, asociacións veciñais… “Estou facendo unha radiografía da provincia”, comenta, “visualizando cales son, fundamentalmente, as preocupacións e cales as perspectivas de cara ao futuro, vendo de que maneira podemos entre todos xerar unha sinerxia de colaboración para que Ourense adquira uns niveis maiores de progreso”. Resalta que as diferentes administracións teñen “unha débeda histórica” co territorio ourensán, algo que “debe corrixirse”, e está convencido de que as vindeiras eleccións locais suporán un cambio de ciclo na provincia.

Levaba xa máis dunha década fóra da política activa, ¿como ten sido este reencontro con ela e estes catro meses á fronte da Subdelegación do Goberno en Ourense?

Este é un cargo novo, de responsabilidade política, non cabe dúbida, pero con outras características e obxectivos. É máis institucional, máis de coordinación da administración dentro da provincia de Ourense e para min supón unha alta responsabilidade. Persoalmente síntome satisfeito deste posto, que a día de hoxe aínda estou coñecendo na súa profundidade, e tamén agradecido pola confianza que os compañeiros e o propio goberno do Estado depositaron na miña persoa ao poñerme á fronte desta institución tan importante na provincia. Evidentemente neste tempo xa se teñen avanzado moitas cuestións e fixéronse numerosas xestións.

Nos contactos mantidos nestes meses, ¿que inquietudes ou demandas lle transmitiron?

No ámbito da seguridade o que máis se me está demandando é unha maior presenza das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no rural. Despois, a nivel das competencias da Policía Nacional, unha maior presenza e control no referente á prevención da delincuencia organizada e, neste senso, xa tivemos xuntanzas de seguridade cos mandos da Policía Nacional, conxuntamente coa Garda Civil, e tamén coa propia Policía Local da cidade para organizarnos na loita contra a delincuencia.

¿Son suficientes os efectivos cos que conta a provincia?

Plantexáronnos unha necesidade de máis efectivos en todos os corpos. Tamén demandan medios para desenvolver as súas propias actividades.

 

Unha reivindicación que Valdeorras vén manifestando dende hai xa anos é un posto principal da Garda Civil na comarca, ¿xa lle chegou esa demanda?

Directamente aínda non se me plantexou, pero sei que existe. Isto dependerá moito da reestruturación que se ten previsto facer dende a Dirección Xeral da Garda Civil e dende o Ministerio do Interior, é unha cuestión que deben valorar en canto ao que poida ser máis funcional e máis efectivo. Nalgúns municipios os propios concellos, que ven que están baleiros cuarteis antigos de poucas prazas, xa piden que se poidan desafectar para darlles outros usos, e teño aquí bastantes demandas nese senso. Evidentemente, aos núcleos máis importantes en poboación pois seguramente prestaranlle unha atención máis personalizada e un tratamento específico. Están traballando niso.

O 25 de novembro será o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ¿como se está a traballar na provincia para atallar esta lacra?

Mantemos reunións de coordinación moi asiduas coa Policía Nacional, coa Garda Civil e coas unidades de violencia de xénero. Dende a Subdelegación estamos dinamizando e fomentando a construción das mesas de violencia de xénero naqueles concellos que teñen os medios e queren adherirse. Deste xeito dase a posibilidade de que dende os propios municipios, que son os que mellor coñecen este tipo de situacións, se poida contribuír a acabar con esta lacra. Na provincia hai tres concellos que teñen adscrita Policía Local á mesa contra a violencia de xénero: O Barco, O Carballiño e Ourense. Ademais hai mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na Mancomunidade de Santa Águeda, Barbadás, Ribadavia, Mancomunidade do Ribeiro, Mancomunidade de Verín, Mancomunidade Conso-Frieiras, Allariz, Xinzo e Castro Caldelas.

As infraestruturas viarias son outro dos grandes cabalos de batalla da provincia, tamén lle chegarían moitas demandas sobre elas.

Si, é outro dos ámbitos de necesidades que se nos están plantexando. Dende os municipios solicitan melloras de seguridade vial, en reposición e mantemento de estradas que pasan por poboacións e tamén nas comunicacións en canto a autovías e nalgúns concellos transmiten a súa preocupación con respecto á alta velocidade, ao corredor atlántico de mercadorías…

¿Como ve o proxecto dese corredor atlántico, que inclúe a liña A Coruña-Palencia?

Iso é unha cuestión que xa está consolidada e, por así dicilo, bendicida por todas as administracións e polas directivas europeas. O porto seco de Monforte vai ser unha zona loxística como nó de mercadorías para este corredor e iso vai supoñer un desenvolvemento importantísimo para Valdeorras e para a propia Galicia. Isto hai que apoialo e ninguén o discute, pero á marxe diso outra cuestión é que poida haber unha saída cara a Meseta por outro conduto de forma complementaria, e nunca substitutiva, que se poida aproveitar positivamente.

 

¿Impulsarase a autovía A-76?

A A-76 é unha preocupación deste goberno, non cabe dúbida. Leva o seu tempo, os seus prazos, pero está en marcha. Outra cuestión importante para O Barco vai ser a conexión entre a estrada N-120 e a N-536, cuxo proxecto está aprobado cun orzamento duns 63 millóns de euros, e a licitación das obras vai ser inminente. Estamos impulsando eses proxectos e non os imos deixar de man.

Dende a Subdelegación, ¿pretende reforzarse a comunicación cos concellos, que constitúen a administración máis próxima aos cidadáns?

Xa existe esa conexión e é efectiva precisamente porque os concellos ven á Administración central como unha entidade que lle pode resolver certos problemas non só de forma directa, senón facendo de intermediaria con outras administracións. O goberno do Estado ás veces establece convenios e investimentos coas comunidades autónomas que despois, dalgunha forma, van ser transferidos aos concellos, e nese senso nós informamos sobre proxectos de fondos europeos, de fondos de cohesión… Falamos de temas de patrimonio, rehabilitación, plans de vivenda, etc. Como digo, a competencia máis directa téñena a Xunta e as deputacións, pero hai proxectos compartidos sobre os que podemos asesoralos.

¿Como valora a atención que se lle ten prestado ata agora dende as diferentes administracións á provincia de Ourense?

O primeiro día que entrei aquí xa dixen que hai unha débeda histórica importante coa provincia en canto a materias de toda índole. O primeiro que hai que mencionar é a súa situación demográfica, máis do 50% da nosa poboación está por riba dos 65 anos, temos moi poucos mozos e neste momento carecemos de moitos recursos económicos, o rural está practicamente despoboado e ata hai pouco bastante olvidado. Nese senso, penso que as administracións debemos poñernos as pilas para corrixir este problema que xa transcende as fronteiras da provincia e da propia comunidade autónoma. Temos un problema serio en Ourense e debemos atallalo entre todas as administracións, e a administración central do Estado é consciente diso e agora mesmo tamén o é a propia Unión Europea. Hai que empezar a traballar para darlle solución a isto. O máis importante é que os concellos teñan oportunidade de desenvolver os seus recursos endóxenos, que poidamos financialos para que fixen poboación e para que teñan posibilidade de continuidade nesta provincia os nosos cidadáns.

A chegada da alta velocidade ferroviaria, ¿contribuirá a cambiar esta situación?

Todo o que sexa achegamento en comunicacións nunhas condicións modernas, áxiles e rápidas para que se poida conectar a nosa provincia, tanto a nivel de viaxeiros como de mercadorías, no ámbito interno e tamén co exterior, coa Meseta e co norte de Europa, vai ser positivo. Suporá un plus importante para a reactivación económica e será un factor relevante para o desenvolvemento industrial, turístico, sociocultural, medioambiental… da provincia e tamén de Galicia, xa que Ourense é a porta de entrada da alta velocidade á comunidade. Isto vai ser esencial e debe ir apoiado e reforzado por medios económicos para os concellos con proxectos e recursos endóxenos que se deben pór en valor. Hai sectores importantes como o vitivinícola, a lousa, o turismo, o medioambiental, patrimonial, termal… Eses recursos están pedindo que se corrixa a débeda histórica da que falabamos antes. A iso temos que poñerlle cartos, proxectos viables e investimentos produtivos que signifiquen emprego, produtividade e que iso axude ao PIB dos municipios, das comarcas e da provincia. Creo que é aí onde debemos corrixir esa débeda histórica.

 

Se falamos de prazos, ¿garántase o horizonte do 2020 para a alta velocidade galega?

Estamos facendo os deberes neste aspecto: licitar obra, executar orzamento e comprometer prazos. Hai moi pouco o propio delegado do Goberno en Galicia viña á provincia a inspeccionar a evolución deses proxectos e para garantir a súa continuidade e tamén o compromiso de prazos respecto á súa finalización, e niso está o goberno. Non imos a cambiar, nin a paralizar ningunha cuestión que xa estea en marcha.

Tras o cambio político no goberno central, ¿como ve o panorama do partido socialista no Estado e tamén na provincia?

O PSOE a nivel xeral ten un compromiso coa cidadanía do Estado. Houbo unha moción de censura por hixiene política, non foi simplemente o goberno polo goberno, senón que era necesario un cambio neste momento no Estado español. Eu sei que agora o PP está un pouco desorientado por esta situación e que non encontra o seu sitio perfecto, pero á marxe diso, penso que nós estamos actuando con responsabilidade. Somos conscientes de que hoxe non existe unha maioría parlamentaria, pero actúamos dende o punto de vista da responsabilidade política e estamos promovendo iniciativas importantes de melloras e de cambio político neste país, que están sendo apoiadas a nivel parlamentario e que había que facer. Ata aí é onde estamos chegando, o que vai pasar máis adiante non o sabemos, pero tamén somos conscientes de que cando non teñamos apoio parlamentario non imos querer manternos no poder por manternos. Falamos dun partido con 140 anos de historia e, polo tanto, temos experiencia e responsabilidade suficientes para saber o que queremos facer con este país. En canto ao ámbito provincial, penso que se nos ofrece un panorama ilusionante de cara ás municipais con posibilidades importantes de producirse tamén un cambio histórico despois de 40 anos de goberno do PP. Creo que as agrupacións socialistas nesta provincia e os cargos do partido debemos traballar nese senso. Iso tamén pasará por que haxa un cambio importante na capital e na comarca de Ourense. A nivel provincial os concellos con maior poboación están en posibilidade de repetir con alcaldes socialistas: Verín, O Carballiño, O Barco, Ribadavia, A Rúa… incluso podería producirse un revulsivo en Xinzo, e agora quedaríanos Ourense para ter esas opcións reais de cambio. Se se mantén esta situación, isto sería importante para a provincia, estamos a punto de facelo posible, é un reto.

En concellos como Verín e O Carballiño o PSOE recuperaba a alcaldía no 2015, ¿como se traduciu ese cambio?

É outra forma de facer política tendo en conta á cidadanía, é outro talante o que estamos impulsando dende as propias alcaldías presididas por rexedores socialistas. En Verín, por exemplo, hai proxectos urbanísticos e de humanización importantes no municipio para facerlle máis fácil a vida aos veciños, proxectos de tipo cultural, de desenvolvemento termal, medioambiental… Son impulsos progresistas e socialistas, evidentemente en colaboración co BNG, que nos está apoiando. Iso estase visualizando e nalgúns casos xa está sendo exemplo para outros concellos.

Texto: A.R.

Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button