CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

“Herdeiras”, un proxecto discográfico sobre as mulleres e a memoria

Vén da man de Carmen Penim resentarase en Santiago nun concerto previsto para o 23 de setembro ás 20h no Teatro Principal
Unha das imaxes da rolda de prensa na que se deu a coñecer o proxecto “Herdeiras” de Carmen Penim e na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A construción da identidade, a visibilización e o sentido de herdanza. Son algunhas pezas claves nas que se apoia “Herdeiras. Muller, identidade e memoria”, o novo proxecto de Carmen Penim, un dos membros do dúo de músicos italo-galego 2naFronteira. Este traballo presentarase en concerto no Teatro Principal de Santiago de Compostela o vindeiro sábado 23 de setembro ás 20h.

A entrada terá un prezo de 5€ e no espectáculo participarán, ademais da propia Carmen, as músicas Carmen Gallego -violín-, Margarida Mariño -violonvello-, Marta Figueiredo -percusión-, a bailarina Xiana Vilas e o pianista Maurizio Polsinelli. Alén disto, tamén se poderá visionar Bucle, a curtametraxe que Margarita Ledo Andión fixo para o proxecto.

Así se anunciaba nunha rolda de prensa celebrada o 20 de setembro na que Carmen Penim estivo acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen quixo destacar na súa intervención “o gran valor que nos achega este traballo contado e cantado en clave feminina para recuperar, a través das voces de mulleres poetas actuais e dun audiovisual, a memoria na que a figura da muller quedou tantas veces silenciada ao longo da historia”.

“Herdeiras” é un libro-CD (poemas musicados, artigos e un audiovisual) no que colaboran as “herdeiras e herdeiros (netas e netos e fillas) de represaliados na época da guerra e a posguerra; e as principais intelectuais e poetas de Galicia que produciron obras sobre este tema”, segundo os promtores do proxecto. “Herdeiras” fala de “muller e dereitos, fala da construción da identidade, da visibilización, do sentido de herdanza, recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces só por ter loitado por dereitos que hoxe consideramos obvios”.

 

Carmen Penim.

Carmen Penim musica nel poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta, ademais de letras da propia Carmen; tamén compila unha serie de artigos breves, da autoría de Aurora Marco, Montse Fajardo, Luís Bará, Pepe Cáccamo, Valentín García Bóveda, Carmen García-Rodeja Arriví, María Torres, Xosé Álvarez, Ana Paula Mejuto, Olivia Rodríguez, Xosé Manuel Cid, Xesús Alonso Montero, René Pacheco e Rodeja Arribí.

O traballo conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

Artigos relacionados

Back to top button