En portadaÚltima hora

Herminia Domínguez, nova académica da RAGC: “É necesario un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal”

Esta catedrática de Enxeñería Química, natural de Río, convertíase esta tarde na primeira muller académica da Sección de Ciencias, sendo ademais a primeira procedente do Campus de Ourense

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebraba na tarde deste mércores no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Ourense, Herminia Domínguez González (San Xoán de Río, 1965).

Domínguez González, que se integra na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas, pronunciaba o seu discurso de ingreso “Biorrefinerías, multifactorías verdes”, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas, por Pedro Merino Gómez, catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, inauguraba pasadas as sete da tarde o acto, ao que asistiron outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; e a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, María Esther de Blas; entre outras autoridades.

 

A disertación da nova académica

Herminia Domínguez, natural do municipio de Río (sendo o seu pai de Castiñeiro e a súa nai de Medos), iniciaba a súa intervención con numerosos agradecementos e confesando que este recoñecemento “é unha honra imprevista e inmerecedida”. Logo iniciaba o seu discurso incidindo en que “debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías”.

A nova académica, que considera que “a natureza é unha cadea de xeración continua de produtos químicos, cosméticos, farmacéuticos, materiais e combustibles”, centraba a súa disertación na necesidade de facer un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou da que se considera un residuo, para “avanzar cara a sostibilidade” non só porque reduce o seu impacto medioambiental, senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, “contribuíndo á xeración de riqueza local”.

 

 

Os procesos baseados no concepto de biorrefinería, como ferramenta clave para a economía circular, explicaba, permiten a obtención sostible de diversos produtos, materiais e enerxía, nunha alternativa aos procedentes de fontes non renovables. “É necesario progresar no desenvolvemento de procesos ecoeficientes, flexibles e válidos para distintas escalas de operación, posto que as biorrefinerías actuais aínda non teñen o grao de madurez das refinerías baseadas en recursos fósiles, que xa foron optimizadas no pasado século” –sinalou–.

Para preservar o valor dos recursos, Herminia Domínguez salientou que actualmente incídese no interese de incorporar, nas primeiras etapas das biorrefinerías, a extracción e valorización de diversos compostos bioactivos con demanda crecente nos mercados alimentario, cosmético e farmacéutico. Tamén apuntou que o desenvolvemento tecnolóxico será decisivo neste campo, particularmente co emprego de disolventes benignos e de ferramentas de intensificación de procesos que permitan maior selectividade con menos gasto enerxético, preservando as propiedades dos produtos.

Herminia Domínguez ofrecía desde a tribuna do Pazo de San Roque unha reflexión optimista baseada no privilexio que supón estar en Galicia, unha terra chea de excelentes recursos renovables e na que se dispón de experiencia e imaxinación para desenvolver novos produtos, ademais de coñecer ou levar como herdanza inconsciente a importancia do aproveitamento integral dos recursos. “Debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías. Estes avances permitirannos abordar con éxito os retos actuais para construír un futuro máis sostible”.

Finalmente, agradecía “o privilexio extraordinario de ser académica á Real Academia Galega de Ciencias” e tiña unha agarimosa lembranza para a súa familia, así como para os investigadores cos que se formou e traballou durante estes anos, para os seus compañeiros da Facultade de Ciencias e do Campus Auga do Campus de Ourense da UVigo, para os compañeiros do Departamento de Enxeñería Química e para os do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).

 

Pedro Merino respondendo ao discurso da nova académica./ Foto: RAGC.

 

Pedro Merino: “Acredita unha extraordinaria traxectoria científica”

O académico Pedro Merino daba resposta á disertación de Herminia Domínguez, sinalando que nesta xornada a Academia “celebra unha das cerimonias máis entrañables da institución: o ingreso dun novo membro”. Ademais contaba que esta nova académica “sempre manifestou que lle gustaba a química porque lle permitía coñecer o fundamento de moitos fenómenos cotiás e a enxeñaría química porque a achegaba ao xeito práctico de facer cousas útiles.”. A partir de aí, Merino sintetizaba o extenso currículo de nova académica, que posúe unha elevada produción científica con 270 publicacións en revistas de alto impacto, cun índice h de 55 na base de datos Scopus, un impacto ponderado de citas no seu campo de 1,51 e unha porcentaxe do 42,1% de publicacións dentro do percentil do 10% das revistas máis citadas.

Ademais, salientou que Herminia Domínguez está incluída na base de datos da Universidade de Stanford, dentro do 2% dos investigadores máis altamente citados. Participa ininterrompidamente en proxectos de investigación de ámbito estatal, europeo e bilateral así como en contratos co sector privado, exercendo como investigadora principal en máis de 30 deles. É autora de 9 patentes rexistradas, a meirande parte delas relacionadas coa calidade alimentaria. En canto a súa actividade formativa, titorizou a numerosos estudantes pre-doutorais e post-doutorais e dirixido 15 teses de doutoramento.

Merino enunciou as liñas de investigación seguidas pola nova académica durante a súa traxectoria, desde a aplicación de enzimas comerciais para a extracción de aceitas de sementes oleaxinosas, o aproveitamento das fraccións de pentosas, o emprego da auga como disolvente e único reactivo para a extracción, ata o aproveitamento de materiais e compostos de interese nutricional, cosmético ou farmacéutico obtidos a partir de algas ou biomasa vexetal de orixe residual ou infrautilizada. En resumo, Pedro Merino apuntou que o seu campo é o desenvolvemento de procesos, independentemente das materias primas e dos produtos, seguindo modelos de economía circular.

“A profesora Herminia Domínguez”, resaltaba, “acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como polo impacto da súa investigación e capacidade de transferencia. Como resultado dos seus traballos, está a ser recoñecida coma unha das investigadoras de máis prestixio no seu campo”.

 

 

Benvida do presidente

Tras tomar posesión como académica, Juan Lema daba a benvida á institución á profesora Herminia Domínguez e cualificábaa como “unha persoa brillante, aínda que modesta nas formas, con ilusión no seu traballo, que sabe crear no seu arredor unha atmosfera de traballo amable, eficiente e eficaz”. Destacou que a nova académica vén enriquecer a sección de Ciencias Técnicas e ao conxunto da Academia, sendo ademais a primeira muller académica desta sección e a primeira procedente do Campus de Ourense. Lema quixo sinalar tamén que para el é unha satisfacción especial o ingreso de Herminia xa que tivo a honra de axudala nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, naquel momento centrada na extracción de aceite de sementes de xirasol ou soxa sen empregar disolventes orgánicos, “un traballo orixinal, visionario e ambicioso, que mesmo mereceu o II Premio Europeo IQS Industrial Enzyme Applications, e premonitorio do que sería unha brillantísima traxectoria investigadora”.

Tamén Juan Lema lembrou os inicios de Herminia Domínguez no Campus de Ourense, formando equipo co profesor Juan Carlos Pajaró ata o día de hoxe para dar forma a unha carreira investigadora que situou a Facultade de Ciencias de Ourense nunha esfera internacional de gran relevancia. “O tándem entre Herminia e Carlos foi un motor que permitiu lanzar proxectos, dotar de infraestruturas e formar un moi significativo número de científicos e tecnólogos que están a ter un moi importante desenvolvemento profesional. Desenvolver o seu traballo nun dos chamados campus periféricos non foi unha eiva, senón un reto que souberon vencer brillantemente”, aseguraba.

 

Fotos: Suso Rivas (a imaxe 1 e 6 da galería)/ RAGC.

Artigos relacionados

Back to top button