Continúa o programa de actividades paralelas do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín. Así, esta tarde o Auditorio da vila acollía o documental histórico “Hijas de Galicia, Macorinas”, dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira.
“Trátase dun traballo que busca saldar una débeda histórica sobre un asunto en torno ao cal ata agora se gardara silencio: a historia de explotación sexual á que se viu sometida unha parte da emigración feminina galega a Cuba, a comezos do século XX”, destacan dende a organización do FIC.
O documental narra a historia da asociación “Hijas de Galicia”, formada por esas mulleres emigradas galegas e pon de manifiesto diversas historias de protagonistas que sufriron enganos para entrar a formar parte das redes de prostitución cubana no inicio do século pasado.
“A situación non deixa de ser similar á doutras mulleres que hoxe en día emigran á nosa terra, ou a outros lugares, e rematan desempeñando a mesma función, sendo explotadas por mafias sexuais”, destaca o co-director documental, Xosé Lois Santiago “Pello”. “O noso medio inicial ao chegar a La Habana era non atopar suficiente información sobre o tema. Pero isto esvaeceuse cando comezamos a falar cos nosos asesores e contactos”, engade.
“A partir dese momento, un mundo que ata entón estivera agochado, saiu á luz e afloraron diversas testemuñas que recollemos nas nosas visitas á illa”, destaca o co-autor desta obra, de 65 minutos de duración, que foi gravada en Cuba entre os anos 2012 e 2019.
Streaming dende La Habana durante a presentación
Dende La Habana, e mediante streaming, participaba en directo na presentación do documental o experto Julio César González Pagés, doutor en Ciencias Históricas e profesor Adxunto Asistente da Facultade de Filosofía e Historia da Universidad de La Habana, unha das voces autorizadas que contribuíu coas súas achegas a perfilar este documental.