ConcellosO BarcoÚltima hora

Historias de mulleres, con Avelino González en Viloira (O Barco)

O actor e narrador oral presentaba "Eran elas" na tarde do 18 de xullo no XI Ciclo De Perto

 

O importante da historia é como se conta. E nese contar o punto de vista e o protagonismo non acostuma ser feminino, algo ao que lle daba a volta por completo Avelino González no seu espectáculo “Eran elas”, que presentaba na tarde do 18 de xullo nos Xardíns da Casa Grande de Viloira, dentro do XI Ciclo De Perto.

“A historia das mulleres é unha historia clandestina”, dicía, e por ela este contador íase movendo xunguindo, con abondoso humor, unha serie de relatos con protagonistas femininas, algúns clásicos como o de Tristán e Isolda (nas súas diferentes versións); outros eran contos tradicionais como os das poderosas Mouras, o da Loba da Xente nas terras de Trives que recollía Vicente Risco, ou a lenda do San Xurxo que liberaba a unhas mozas de Redondela da Coca que non querían ser “salvadas”.

 

 

Na súa narración tamén había outras historias máis actuais, anécdotas e mesmo datos históricos. Entre eles, un co que sorprendía por completo ao público: a revolta que levaba en 1790 aos labregos valdeorreses a cercar a cidade de Ourense ante a situación de fame que padecían.

En cada un deses relatos que ía encadeando latexaba a mesma mensaxe coa que remataba: “a historia non é como a coñecemos, senón como nola contan”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button