Amosar a sensualidade extrema e a elegancia da muller. Eses son os obxectivos que se marcaba o deseñador ourensán Roberto Verino coa colección primavera/ verán 2014 presentada na 58ª edición da Mercedes-Benz Fashion Week. E para unir esas dúas ideas o estilo tribal como fio condutor.
Así, presentaba unha colección con nome de muller, Carmen, que convertida en mito, engloba ao conxunto de tódalas mulleres. “Trátase dunha homenaxe á muller latina, racial, que coa súa forza, alegría, sensualidade e elegancia, disfruta sentíndose admirada, compartindo protagonismo co gentleman latino” explican dende o gabinete de prensa de Roberto Verino. Por iso a colección une ao deseño das súas prendas, o físico e o carácter de musas como María Félix ou Erykah Badu, dous iconos raciais do glamour, a orixinalidade e o estilo.
No seu empeño por modelar a unha muller sensual e explosiva, Verino contou nesta ocasión coa espectacular modelo brasileira Daniela Braga. E para compensar a forza de Daniela, dous pesos pesados da moda masculina asiduos dos seus desfiles, Jon Kortajarena e Antonio Navas.
Coma sempre a idea de Roberto verino é “sorprender” coas súas creacións e posta en escea e el mesmo aseguraba no backstage que o ía seguir facendo “con imaxes moi sinxelas pero ao mesmo tempo moi capaces de ser sedutoras”. Unha teima do galego na que leva insistindo dun tempo a esta parte “que me parece moi interesante” puntualiza, é toda a cultura española, neste caso centrada na imaxe de Carmen como muller forte, chea de valores, encanto e sensualidade, chea de enerxía, que gosta de ser admirada e “para ser admirada ten que ser sensual, que trasladamos tamén ao momento actual nunha figura mítica do mundo latino que é María Félix moi querida nun país no que estamos facendo os esforzos por estar e crecer que é México, que nos parece moi importante”.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información e reportaxes na edición en papel do Especial Moda do Periódico O Sil).