ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViana do Bolo

Homenaxe á muller rural e á tradición do “Entrudio” na XIV Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo)

O pregoeiro desta edición, na que se reunían preto de 1.300 persoas, era o filólogo e investigador vianés Pedro Basalo Bembibre

 

A celebración da nova colleita regresaba, dous anos despois, ás rúas de Punxeiro (Viana do Bolo). Esta localidade espera con ilusión, logo de semanas de preparativos da veciñanza, a XIV Festa da Vendima. Un desexo que se facía realidade nesta tarde de 15 de outubro, na que a vila recibía a preto de 1.300 persoas que se concentraba na praza. Nela, Jorge Domínguez, en nome da organización (a Comisión de Festas desta localidade en colaboración co Centro de Animación de Punxeiro), daba á benvida aos visitantes e despois presentaba ao pregoeiro desta edición, o filólogo vianés e investigador do Entrudio Pedro Basalo Bembibre, quen amosaba o seu orgullo por este recoñecemento.

 

 

Ademais compartía, emocionado, esta distinción de ser pregoeiro “coa xente que dalgunha maneira mantén viva a tradición, tanto aquí como noutros lugares, porque me consta que amigos que veñen de moi lonxe están aquí para acompañarnos, entón, defendamos o noso sempre”. Ademais amosaba o seu agradecemento a todos os informantes que lle permiten coa súa axuda desenvolver o seu traballo de investigación, e, de xeito, especial a tres persoas. Por unha banda, a Juan Antonio Pinza, que “a parte de ser un informante magnífico, foi o primeiro que me falou do Entrudio tradicional das aldeas”; e pola outra a “Carlos e María do Periódico O SIL que sempre me permiten publicar as cousas que me vou descubrindo”.

Basalo resaltaba tamén o labor de promoción do Entrudio que realiza a Asociación de Fulións Rurais, a iniciativa de recuperar as Comparsas, así como a relevancia de que esta tradición se estude e iso se plasme ademais en investigacións académicas. “O importante do Entrudio é que nós mesmos comecemos a darlle valor porque ten un potencial enorme, eu teño visto á xente de Polonia, en Brasil, en Madrid… preguntando por isto que facemos”. Así mesmo resaltaba a riqueza cultura de Viana, xa mesmo dende a propia toponimia e a lingua, “temos cultura para varrer, entón hai que valerse dela, considerala e coidala”.

 

O pregoeiro, Pedro Basalo (segundo pola esquerda), cuns amigos na festa.

 

Tampouco faltaba neste pregón unha parte reivindicativa. “É certo que cada vez temos máis sona no noso Entrudio, pero temos algo pendente que é o Martes de Entrudio. Recordo cando era pequeno que era unha festa tremenda, dende a mañá saía o fulión e se ía ao Cabo da Vila ata a noite que se queimaban os Lardeiros e isto hai anos que non pasa, entón temos que volver a darlle vida ao Martes, que sexa grande. Eu pediríalles ás autoridades que movan o festido do Mércores ao Martes e darlle un pouco de vida ao luns, que ben o merece a tradición”. A proposta era acollida entre aplausos.

 

 

No seu pregón tamén aludía aos equipos de fútbol e de fútbol sala, ao Club Náutico de Viana e a dous “referentes que nos poñen no mapa: a Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño, promovida por Jorge Domínguez, e a iniciativa de Jorge Álvarez, que apostou por reivindicar a moda e a vangarda dende Viana”. E finalizaba apuntando que o que realmente lle dá valor ás festas de Viana son as persoas. “Viana é especial pola cultura, polo patrimonio e, sobre todo, pola xente. Aprendamos a valorar o que temos e todo terá continuidade e un futuro mellor. Viva a Festa da Vendima! Viva Punxeiro!”.

 

 

Ademais do pregón, a apertura desta edición da festa estaba marcada pola celebración do Día da Muller Rural. Por iso se facía unha homenaxe ás mais e avoas.

 

 

Descobríase unha placa na súa honra baixo o sagrado da igrexa de Punxeiro. A encargada de facelo era a persoa máis lonxeva deste pobo, Elisa Murias Rodríguez, acompañada por autoridades (como o alcalde de Viana e membros da Corporación) e representantes da organización da festa. Ademais en Punxeiro instalábase un punto de información do Centro de Información á Muller (CIM) de Viana do Bolo.

 

 

Despois do pregón e da homenaxe, os participantes, seguindo o ritmo de tres charangas, encetaban outros tantos percorridos para desfrutar do viño novo, acompañado de multitude de petiscos (dende embutidos, tortilla de pataca, croquetas, empanadillas…) polas 17 adegas da ruta e, tamén, sobremesas. Esas tres charangas eráan: Fuego, Comand’o Morrazo e BBB. Nas tres últimas adegas, terán especial protagonismo as sobremesas e os doces.

 

 

Tras completar o percorrido pola aldea, os participantes trasladaranse ao campo da festa, onde, dende ás 23h. está prevista a actuación do Grupo Assia, da Orquestra Marbella e, finalmente, do Dj Tariro.

A organización contaba coa colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, do Bolo e de Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button