En portadaÚltima horaVídeos

Homenaxe “ao motor e base do movemento da Cruz Vermella” no XX Encontro do seu Voluntariado, no Barco

Reunía a unhas 150 persoas nun emotivo acto no que se entregaban 25 diplomas de recoñecemento á acción voluntaria e dúas medallas de bronce

 

O voluntariado é a engranaxe e o motor que move á Cruz Vermella na provincia de Ourense. Case 3.000 persoas comprometidas que, co seu labor desinteresado e agarimo diario, dedican o seu voso tempo, coñecementos e compromiso a axudar ás persoas máis vulnerables, especialmente aos maiores, á infancia e aos refuxiados. Un labor que amosaba e se agradecía publicamente no XX Encontro de Voluntariado da Cruz Vemella Ourense que se desenvolvía no Barco neste 28 de setembro.

 

 

Esta celebración congregaba a uns 150 voluntarios chegados dende diferentes puntos da provincia que eran recibidos cun almorzo na entrada do Teatro Lauro Olmo da vila. Despois, ás 11h. dábase paso ao acto inaugural do encontro, da man da presidenta da Cruz Vermella Valdeorras, Mariví Núñez Fernández, tras unha actuación do Ensemble de Saxofóns do Conservatorio e da Escola de Música do Barco.

 

 

“Benvidos voluntarios e voluntarias porque hoxe é o voso día. Detrás desta xornada hai moito traballo e moito cariño e unhas ganas moi grandes de que todo saia ben”, dicía, para, deseguido, destacar o valor do voluntariado, formado por “persoas moi elegantes de corazón, sobre todo, e moi intelixentes e xenerosas, porque hai que selo para que neste mundo tan desordenado que nos tocou vivir adicar o máis valioso que temos, que é o noso tempo a conquerir que as persoas menos favorecidos se atopen un pouquiño mellor. E iso facédelo vós todos os días, desinteresadamente, pero con moito cariño e moito amor, fronte á dureza que nos presenta a vida, vós sodes a outra cara da moeda, o que dá de todo desinteresadamente e sen pedir nada a cambio”.

 

 

Destaca así mesmo o empuxe que supón formar parte desta organización benéfica. “En canto vestimos ese chaleco vermello coa cruz ou coa media lúa, éntranos unha forza e un tesón que nos axuda a afrontar calquera contrariedade que se poida presentar”. A presidenta da Cruz Vermella Valdeorras tiña palabras de agradecemento para as persoas que a precederon neste cargo e que estaban no acto: “Aurelio, Mino e Carmen. Grazas por abrir ese camiño que eu sigo percorrendo. Pero tamén teño un pequeno reproche cariñoso que facervos”, engadía, “deixáscheme o listón moi alto, e ás veces cústame chegar”.

 

 

Mariví Núñez tamén agradecía o traballo e apoio dos membros do comité, “que sodes todos voluntarios e estades arrimando o ombro día a día. Tampouco me podo olvidar dos concellos, da rede empresarial da nosa comarca, e das persoas particulares que nos apoiades e que confiades en nós para que o noso labor se poida seguir desenvolvendo. E tamén grazas aos técnicas da asemblea de Valdeorras, sen vós isto non sería nada, porque o facedes todo sempre dende o corazón, o voso traballo sempre é con profesionalidade e con moitísimo amor. A nosa unión é o que nos dá verdadeira forza”, concluía.

 

 

O acto, presentado por Raquel Cruz, continuaba coa intervención do tenente de alcalde do Barco, Aurentino Núñez, quen poñía en valor o labor do voluntariado, dedicado a axudar aos demais e lembraba as orixes da Cruz Vermella. Facía unha mención especial aos homenaxeados “cuxo compromiso e dedicación merecen ser recoñecidos de maneira pública. O seu valor inspira ás novas xeracións de voluntarios”. E expresaba o seu “máis profundo respecto e admiración polo traballo realizado, hoxe máis que nunca necesitamos persoas como vós”, por iso manifestaba o apoio do Concello do Barco, “seguide adiante por un futuro mellor para todos”.

 

 

A partir de aí dábase paso á entrega de recoñecementos ao voluntariado desta edición: 25 diplomas á á acción voluntaria e dúas medallas de bronce. Comezábase pola asemblea da Cruz Vermella de Ourense, onde os diplomas correspondíanlle a Milagros Prado (recollido por Natalia Belmonte), Marina Outomuro, Francisca Molina (recollido por Natividad Álvarez), Ana María Sotelo, Xosé Carlos Caramés, Serafín Barrio (recollido por Alfonso Sánchez), e Pablo Mosquera.

Despois viñan as distincións nas asembleas comarcais: a Josefa Barrios e Nancy Carballo (O Carballiño), Roraima del Valle e Leila Teresa Villamizar (Terras de Celanova), Manuela Penín e Marta Velasco (A Limia), María Teresa Rodríguez e María del Carmen Blanco (recollida por Matilde Hernández) de Terras de Celanova, Jesús Brito, Carmen Gómez e María Luisa Canado (Monterrei-Verín), María Pilar Viñas e Antonio Álvarez (Ribeiro), Cristina Alonso e Antía Macías (Viana-Conso Frieiras) e Jonathan Valiño, Elena Sánchez e Senorina Carrera (Valdeorras).

Finalmente outorgábanse dúas medallas de bronce a Genoveva González e José Manuel Gómez. Este último voluntario manifestaba que “isto é parte de vós, non é só meu. Primeiro dos que estivestedes antes e tamén dos voluntarios de agora, que nos seguides dando forza para que continuemos, moitas grazas a todos”.

 

 

Como voceira dos voluntariados distinguidos interviña así mesmo a valdeorresa Elena Sánchez. “Hoxe será un día que lembraremos con especial cariño, pero haberá moitos outros momentos da nosa vida na Cruz Vermella que quedarán gravados na nosa memoria, e sempre serán momentos compartindo, axudando a outras persoas, intentando facer a vida mellor aos que necesitamos apoio e, así sen darnos conta, nós mesmos recibimos moitísimo”.

 

 

Na recta final do encontro do acto tomaba a palabra o presidente provincial da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, quen expresaba os seus parabéns “a todas as persoas que acabades de recibir este recoñecemento merecido pola vosa dedicación ao labor humanitario de Cruz Vermella, nalgúns casos con máis de trinta anos. O que empeza como voluntario normalmente continúa”, comentaba.

 

 

 

Agradecementos tamén para as autoridades presentes no acto, tanto municipais, como galegas e estatais. “Que nun acto deste tipo contemos co respaldo de tantas autoridades, para nós é unha satisfacción moi grande. Nós somos auxiliares das administracións, pero é que hoxe témolas aquí todas, comezando polo Concello do Barco, cuxo apoio queremos agradecer tanto no apartado de axudas como na cesión do seu espazo; seguindo polo subdelegado do Goberno, Eladio Santos, o delegado da Xunta, Manuel Pardo, e a  delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, son catro administracións fundamentais”, dicía Ferreiro, mencionado ademais a presenza do alcalde do Bolo e da tenente de alcalde de Vilamartín.

 

 

A partir dese momento dirixía as súas palabras á familia da Cruz Vermella cunha referencia especial á presidenta da asemblea anfitrioa: Mariví Núñez. “É certo que Minos deixou o listón moi alto pero hai que seguir, pero ti estalo facendo moi ben”, aseguraba o presidente provincial, pedindo despois un aplauso para ela. E agradecíalle a organización deste encontro “con tanto cariño, sairemos despois deste día máis fortalecidos, sabedes que vós nunca fallades, en Valdeorras e en toda a provincia”.

Ferreiro falaba tamén do labor das outras asembleas da provincia. “Temos aquí á presidentes da asemblea da Gudiña, de Verín-Monterrei, da Limia, persoal de Cruz Vermella, a todos eles tamén o meu recoñecemento porque a familia non se forma por unha persoa, somos moitas e cantas máis e ben achegadas mellor. Eles están facendo no rural un labor moi importante e quero agradecerllo”.

Confesaba Ferreiro a súa emoción ao comprobar “como a humanidade é unha forma de vida para milleiros de persoas que forman parte da Cruz Vermella. É un orgullo poder amosar o valor humano que hai nesta sala aos representantes das administracións que hoxe nos acompañades aquí, seguramente sabedes do noso valor, pero velo de cerca é outra experiencia, grazas por acompañarnos neste acto tan querido para nós”.

 

 

Lembraba ademais que neste 2024 a Cruz Roja Española celebra o seu 160 aniversario. “Son moitos anos de historia e transformación que exemplifican como a Cruz Vermella se vai adaptando ás necesidades de cada tempo e de cada lugar, porque se algo temos aprendido é que os defectos máis negativos de calquera crise ou emerxencia, afectan en maior medida ás persoas máis vulnerables e Cruz Vermella sempre quere estar aí. Por iso é tan importante o labor do voluntariado, desinteresado, sensible, ante a dor e os problemas de quen nos rodea”.

 

 

Ferreiro resaltaba que “o carácter voluntario é un dos principios da nosa organización, o voluntariado é o motor da familia Cruz Roja-Media Lúa-Cruz Vermella. É a base do movemento, xunto ao noso código ético, que temos que asumir e cumprir escrupulosamente, porque é ademais o noso aval ante as dministracións públicas, sendo como somos auxiliares de todos os gobernos e ante a cidadanía. Somos depositarios da confianza de máis de 10.300 persoas e empresas socias na nosa provincia, para elas tamén o noso recoñecemento e agradecemento”. E, sobre todo, concluía, “somos en quen confían milleiros de persoas que se achegan a nós con esperanza no futuro, nun futuro mellor, coa esperanza de ter unha vida con dignidade”.

 

 

A entrega de recoñecementos finalizaba coa proxección dun vídeo conmemorativo dos 160 anos de historia da Cruz Roja Española e, despois, cunha foto de familia ás beiras do río Sil no Barco.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button