Un día despois de clausurar o seu I Campus de Fútbol Sala e unha semana antes de comezar a liga en Preferente Galicia, o Pizarras Los Tres Cuñados FS diputaba no pavillón barquense de Calabagueiros o seu partido máis importante, o Memorial Jess Carrera co que lembran a un dos seus xogadores, falecido hai seis anos nun fatídico accidente de tráfico.
Así, tal como veñen facendo dende o ano 2018, na tarde deste sábado 9 de setembro e antes do partido amigable de pretempada entre o Tres Cuñados e o Sala Ourense, tres cativos da base do club valdeorrés entregaban un ramo de flores á familia de Jesús, o “eterno 3”. Normalmente eran os pais os que recibían o obsequio entre os aplausos dos xogadores e no medio da cancha, pero nesta ocasión os pequenos subían ata a bancada e entregaban o ramo ao irmán Bruno Carrera, tamén xogador do equipo ata o ano pasado que hoxe, emocionado, vía o partido como un afeccionado máis.