OurenseÚltima hora

Homenaxe en Ourense aos membros da Policía Local, Nacional e Garda Civil que participaron na operación INU

 

Na mañá deste mércores 6 de marzo o Concello de Ourense rendía homenaxe aos membros dos corpos da Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil de Ourense que participaron na operación INU, que acabou coa detención dun home como responsable da colocación de cebos para cans con alfinetes en varios barrios da cidade. O acto, celebrado no salón de plenos, estivo presidido polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e contou coa asistencia do concelleiro de Seguridade Cidade, Antonio Fernández, concelleiras e concelleiros de diferentes grupos políticos municipais, e representantes dos corpos e forzas de seguridade. Alcalde e concelleiro entregáronlles os recoñecementos a:

  • Manuel Chaparro Salcedo, (inspector), José Antonio Dacal Borrajo e Francisco Javier Pérez García (Policía Nacional de Ourense)
  • Manuel Fernández Viso (Subtenente xefe do Seprona de Ourense, Rodrigo Hermilla Sampayo e Carlos Alberto Fernández Ferreira (Garda Civil de Ourense)
  • Damián Núñez Sánchez (oficial) e Julio Álvarez García, (Policía Local de Ourense)

O alcalde felicitounos polo “impecable” proceso de investigación desenvolvido no marco da Operación INU, que foi obxecto dunha declaración institucional de recoñecemento e felicitación pública por parte do Pleno do Concello na súa sesión ordinaria do día 1 de marzo. “O Operativo INU é un claro exemplo de cooperación e coordinación entre os tres Corpos de Seguridade –aseverou o rexedor– Esta Institución e eu mesmo, como alcalde de Ourense, recollendo o sentir da cidadanía, expresamos a nosa máis sincera felicitación, agradecemento e recoñecemento público aos integrantes dos corpos de Seguridade que participaron na devandita Operación polo seu labor profesional, implicación e tesón neste arduo e complicado labor de investigación”.

“Grazas en nome de todo Ourense”, manifestou Pérez Jácome, que cualificou de “espléndido” o traballo desenvolvido nunha operación que foi “todo un éxito”, e da que destacou o forte compoñente vocacional no traballo realizado na investigación por parte dos participantes. “Convosco sentímonos máis seguros”, concluíu o rexedor.

Artigos relacionados

Back to top button