ConcellosÚltima hora

I Feira de artesanía do Porto da Barca-Rúa Real do Barco, do 11 ao 12 de xuño

Durante o horario de funcionamento da mostra estarán cortadas ao tráfico estas zonas da vila

Porto da Barca, no Barco./ Foto: A.R.

 

En xuño estrearase a I Feira de artesanía do Porto da Barca e na rúa Real (que se adornarán para a ocasión). A mostra, promovida pola Concellería de Turismo do Barco, terá un horario de 17h. a 21h. o sábado, mentres que o domingo funcionará de 12h. a 14h. e de 17h. a 21h. Nela, ademais de visitar diversos postos de produtos artesáns e tradicionais, o público poderá participar en obradoiros de artesanía en coiro, pintura, madeira, barro e elaboración de queixo. “Mesmo contaremos cunha vaca que poderá ser ordeñada por nenos e maiores”, explica o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos. A instalación desta feira suporá o corte do tráfico pola rúa Real e pola zona do Porto da Barco durante o horario da mesma neses dous días.

Outra novidosa proposta será a posibilidade de cruzar, como se facía tempo atrás, o río en barca. Será nunha recreación da antiga embarcación que antano servía para conectar ámbalas dúas beiras do Sil, e cuxa concesión se sorteaba, tal e como adianta o edil de Turismo do Barco.

“Iso permitirá vivir a experiencia de pasar dun lado a outro como se facía antigamente”. Así mesmo, Santos convida á veciñanza desta parte da vila a sumarse á festa adornando tamén as súas casas, nesta fin de semana na que tamén soará a charanga Amanecer e actuará Guti Malabarista.

Esta mostra coincidirá ademais coa celebración da Festa do Casco Vello nesa fin de semana e nesa mesma zona da vila.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button