DeportesGalerías de fotosÚltima hora

I Memorial Miguel Fariñas, no Barco

O CD Barco rendía homenaxe a quen foi moitos anos membro da súa directiva e tamén presidente

A emoción envolvía o campo de fútbol de Calabagueiros na tarde do 8 de agosto. Era unha xornada moi especial para aqueles que teñen seguido a evolución do Centro de Deportes Barco nas últimas décadas xa que se rendía unha sentida homenaxe a Miguel Fariñas Rodríguez, unha das persoas que máis loitou por este club e que falecía en febreiro deste ano.

O acto comezaba coa lectura dunha semblanza de quen fora membros durante anos das directivas do CD Barco e tamén o seu presidente. “Nos preto de 45 anos do club, foron moitas as persoas que pasaron polo club. Xente que dun ou doutro xeito contribuía a sacar adiante un proxecto que xa é un referente na comarca de Valdeorrsa. Todos puxeron en maior ou menor medida, o seu gran de area, pero poucos foron tan queridos como Miguel”, sinalaba Mónica G. Bellver, redactora de O Sil que presentaba o acto.

Tamén lembraba que Miguel Fariñas, natural de Vilanova, malia non xogar, era un apaixoado do fútbol e viviu intensamente as diferentes etapas do equipo. “Din de Miguel que era un home forte, un bo amigo, chegando asemade a poñer cartos do seu propio peto”. No ano 2004 deixou a parte activa do club, pero continuou mantendo o carné de socio número 2.

Despois, descubríase entre aplausos un relieve en bronce sobre pedestal de lousa obra do escultor barquense Xelo de Tremiñá e no que pode lerse a dedicatoria “Pola súa entrega a favor do CD Barco durante durante máis de 40 anos”. Facíase en presenza de antigos compañeiros da directiva, ex xogadores e familiares que non puideron evitar as bágoas. De seguido, soaba o himno galego interpretado por un gaiteiro. O broche final era un encontro no que o CD Barco se enfrontaba ao Atlético Bembibre. Con el o equipo encetaba a pretempada.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button