
O Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Ourense (COAATIE) celebraba o 2 de outubro unha reunión cos seus colexiados nas comarcas de Valdeorras, Viana do Bolo e Terras de Trives no salón do edificio multiusos do Barco. Neste encontro abordábanse cuestións como o estudo dos prezos de referencia da construción, a seguridade e calidade das obras ou a tramitación de licenzas. Ademais “analizouse a relación dos aparelladores con clientes e administracións locais a fin de mellorar os servizos que éstes ofrecen á sociedade”, segundo se informa dende a directiva do COAATIE.
Tamén se sinala que esta xuntanza celebrada no Barco é a primeira dunha serie de reunións que “teñen por obxecto desprazar o organismo colexial a distintos puntos da provincia” no ciclo 2017-2021.