O vindeiro sábado 4 de xuño, dende as 10:30h. e ata as 20h., o Centro Social de San Xoán de Río, situado na Praza da Igualdade, acollerá a primeira xornada da saúde da muller que estará chea de diversas actividades dirixidas a todos os públicos, en particular ás mulleres de calquera idade.
O día comezará coa actuación de danza de fusión tribal utilizada para o empoderamento feminino por Darija Cz, bailarina e coreógrafa, “usando a arte como empoderamento feminino (artivismo)”, logo impartirase un obradoiro de “teatro para o empoderamento feminino”, aberto ás persoas que queiran asistir. “Non é precisa experiencia no teatro. Consistiría en técnicas teatrais que nos axudan a mellorar a autoestima persoal. Despois remataremos a mañá coa sesión vermú coa actuación musical das Macizas Centrais”, adiantan dende a organización.
Pola tarde retomaranse as sesións co obradoiro de iniciación á danza do ventre, a continuación a matrona Teresa González (Alenza) do Hospital Público de Valdeorras impartirá un obradoiro de exercicios do chan pélvico. Rematarase a sesión co obradoiro de solucións naturais para o autocoidado feminino.
O obxectivo destas sesións é promover o autocoidado, o empoderamento e o benestar e a autonomía das mulleres.