CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Iago Fernández, alumno do IES Carlos Casares de Viana, un dos representantes galegos na Olimpíada Española de Bioloxía

Natural da Gudiña, este estudante de 2º de curso de Bacharelato acudirá a Barcelona do 23 ao 26 de marzo

Iago Fernández./ Cedida.

 

Iago Fernández Rodríguez, alumno de 2º curso de Bacharelato, do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, será un dos tres representantes de Galicia na XVIII Olimpíada Española de Bioloxía, que terá lugar na Universidade Autónoma de Barcelona entre os días 23 e 26 de marzo de 2023, tal e como se vén de confirmar dende este centro de ensino.

O proceso para chegar ata aquí comezou con 350 estudantes de 36 centros públicos e privados de Galicia,que pasaron unha primeira criba, telemática e desde o instituto, no que deberon responder a 100 preguntas de Bioloxía, tanto da ESO coma de Bacharelato. Os 100 de maior puntuación realizaron unha segunda fase presencial na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o pasado venres 17 de febreiro. Nesta ocasión fixeron unha proba teórica de 30 preguntas de maior dificultade, e dúas probas prácticas, unha de coñecemento de especies e outra dunha análise de ouriños para diagnosticar enfermidades coma a diabetes ou o síndrome nefrótico.

Pasan a fase nacional representando a Galicia, Gabriel Losada do IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo), Iago Cabana do IES Eusebio da Guarda da Coruña e Iago Fernández do IES Carlos Casares de Viana. Participaran xunto a eles os gañadores das fases respectivas das 17 comunidades autónomas, xunto a un representante de Ceuta, outro de Melilla e outros dos centros públicos de España no estranxeiro. Da fase nacional sairán os representantes de España para a Olimpíada Internacional de Bioloxía,que terá lugar nos Emiratos Árabes en xuño, e a Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía,que terá lugar en Madrid en setembro.

Iago Fernández é natural da Gudiña (Ourense), realizando toda a Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria no CPI Laureano Prieto. Ao finalizar os estudos básicos gañou un dos Premios Extraordinarios de ESO de Galicia. Logo comezou os estudos actuais de Bacharelato en Viana do Bolo. Pensa estudar Matemáticas. O instituto destaca a gran valía intelectual e persoal de Iago e síntese orgullo do seu éxito, felicitando tamén á familia como parte imprescindible no percorrer educativo deste xove. A paixón polas Ciencias camiña xunto con outras dúas, non menos importantes: o fútbol sala e a música, xa que Iago estuda 5º grado Profesional de Piano no Conservatorio de Ourense, onde tamén gañou distintos premios.

A Barcelona viaxará xunto a delegación galega, nunha viaxe organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e financiada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A coordinadora da olimpíada no instituto, a profesora Belén Vázquez Cordero, acompañará a Iago a Cataluña, e continuará axudando ao estudante na súa preparación.

Artigos relacionados

Back to top button