EconomíaEconomíaÚltima hora

Iberdrola realiza a posta en marcha do bombeo da central hidroeléctrica de Santiago-Sil-Xares

Estímase que a nova instalación para o almacenamento de enerxía estea a pleno rendemento a final de ano coa hibridación da batería de 5 MWh

Cedida.

 

Iberdrola vén de iniciar as primeiras probas para a mellora e a optimización da central de acumulación por bombeo de Santiago Sil–Xares, no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras. Para iso, instalouse un arrancador estático que unido a unha batería de 5MWh permitirá axustar á rede, de forma máis rápida e flexible, o actual bombeo hidroeléctrico entre ambos os ríos, os cales contan cun desnivel de 230 metros, 50 MW de potencia e unha capacidade de almacenamento de case 3 GWh (3.000 MWh).

“Coa súa posta en marcha, dáse un paso máis na produción de enerxía hidroeléctrica renovable e na xestión do sistema eléctrico. As primeiras probas xa comezaron e estímase que a final de ano atópense a pleno rendemento, coa hibridación da batería de 5 MWh. Este tipo de instalacións, coñecidas como gigabaterías, son imprescindibles para avanzar na descarbonización e son o sistema de almacenamento a gran escala máis eficiente que existe actualmente”, aseguran dende a compañía.

O bombeo, prosegue Iberdrola, “posibilita acumular os excedentes de enerxía procedentes de fontes renovables non gestionables, solar e eólica, para telos dispoñibles nos momentos nos que máis se necesite. Así, proporciónase estabilidade ao sistema eléctrico dado que permite xerar cantidades significativas de enerxía limpa cun tempo de resposta moi rápido. Iberdrola consolida así o esforzo investidor que está a desenvolver tanto para optimizar as súas actuais instalacións con esta tecnoloxía, da que é líder nacional, así como para promover novos emprazamentos”.

Máis de 5 décadas en funcionamento

A hidroeléctrica de Sil–Xares, cunha produción media de 100 GWh/ano, entrou en funcionamento fai máis de cinco décadas. Conta con catro grupos hidroeléctricos: dous deles de tipo fluínte, denominados Santiago-Sil, cunha potencia de 14 MW e un caudal de 160 m3/s, e outros dous de tipo Francis reversible, Santiago-Xares, con capacidade de almacenamento por bombeo de 50 MW de potencia e un caudal de 18 m3/s.

As centrais de bombeo dispoñen de dous encoros a diferentes alturas que permiten transportar a auga dun a outro nos momentos de menor demanda para aproveitala de novo cando o consumo eléctrico sobe.

Co proxecto de Santiago Sil-Xares, Iberdrola continúa “co seu esforzo investidor tanto para optimizar as súas actuais instalacións con tecnoloxía de bombeo, da que é líder nacional con máis de 3.000 MW de potencia (máis do 50 % do total de España), como para promover novas instalacións de almacenamento)”, di a compañía, “a promoción de enerxías renovables favorece o desenvolvemento rural e son garantía de futuro para moitos municipios grazas a numerosas iniciativas ‘verdes’ que impulsan a actividade local e benefician ás comunidades. Todos eles son exemplos de convivencia coa agricultura e a gandería, respectan a contorna e o medioambiente e contribúen á creación de emprego en cada zona”.

Back to top button