
Iberdrola vén de iniciar en Ourense os traballos para renovar os tendidos eléctricos de Alta Tensión da liña que vai da subestación da Central de Santiago-Xares (A Veiga) á de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). “Trátase dunha liña de 20 kV propiedade de I-DE, empresa da compañía enerxética encargada de distribuír a electricidade, así como do mantemento das redes. Ata o momento cambiáronse 20 apoios, algúns deles coa axuda dun helicóptero debido á difícil orografía e accesos á zona. Está previsto que nas próximas semanas se substitúan outras tantas infraestruturas incluídas neste proxecto que inclúe ademais a renovación de máis de 5.000 metros de cableado”, indican dende Iberdrola.
Non é a primeira vez que a compañía eléctrica utiliza un helicóptero para levar a cabo este tipo de actuacións. Con iso evítase a construción de novas pistas e posibles danos ambientais. Estes traballos, que requiren unha gran precisión e esixen a coordinación de varios profesionais, son vitais para adaptar os antigos sistemas ás necesidades da transición enerxética.
“A maior parte do investimento de Iberdrola destínase a redes. Non só as enerxías renovables son cruciais para a descarbonización, as redes sono tamén para a electrificación da economía. Sen redes, non é posible ter acceso á electricidade, e garantir un correcto e continua subministración.
O helicóptero é o encargado de trasladar ata a zona os materiais que se van a substituír. Alí, equipos especializados esperan a parte superior das torres dos apoios e aseguran cada tramo cunhas medidas de seguridade extremas”, din dende a compañía.
As novas liñas eléctricas, engaden, inclúen elementos para protexer a avifauna. A compañía traballa de forma activa na redución do risco de electrocución e colisión das aves, á vez que posibilita a convivencia de tendidos e avifauna co seu Proxecto Mellora de Rede Aérea tal e como marca o Plan de Acción de Biodiversidade.
“Este tipo de accións demostran unha vez máis a aposta de Iberdrola por promover a convivencia de todas as súas instalacións cos diferentes ecosistemas e por desenvolver un modelo enerxético que faga plenamente compatibles a subministración de enerxía competitiva, limpa e sostible co equilibrio ambiental”, asegura a compañía.
Foto e vídeo cedidos.