Das 26 mascaradas que está previsto que desfilen polas rúas destes municipios os días 28 e 29 de xaneiro, só oito serán do oriente ourensán

Rituais de diferentes puntos da península ibérica daranse cita os días 28 e 29 de xaneiro en Vilariño de Conso e en Viana do Bolo. Será no marco da III Mascarada Ibérica que promoven a Comisión Entroido 2017 de Viana do Bolo, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso en colaboración cos concellos de Viana e Vilariño e da Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

Serán un total de 26 os grupos que teñen previsto desfilar polas rúas destas dúas vilas do oriente ourensán. Delas tan só oito son do oriente ourensán: o Folión de Buxán, o Toro e o Xigante de Celavente, o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e o Fulión de Mormentelo, así como catro folións de Viana do Bolo: o das Carrelas, o alternativo, o folión rural e o do casco antigo.


Xunto a eles haberá mascaradas doutros puntos de Galicia como os Volantes de Santiago de Arriba (Chantada), doutros lugares do norte de España como Asturias, Cantabria ou Zamora e tamén do norte de Portugal.
O programa da mascarada comezará ás 16:30h. do 28 de xaneiro en Vilariño de Conso e, ao día seguinte, ás 12h. haberá un novo desfile, desta vez en Viana do Bolo.
