Moi contentos se senten no Concello da Pobra de Trives coa proxección deportiva dun dos seus veciños, Íker Pérez, quen comezou a súa formación nas Escolas Deportivas Municipais de Fútbol Sala, dando un paso importante na súa carreira ao debutar en Terceira división coa UD Ourense.

“Este logro enorgullece a toda a comunidade deportiva local, sendo un exemplo de dedicación, traballo en equipo e paixón polo deporte”, din dende o Concello, asegurando que “co férreo compromiso co deporte do noso Concelleiro Fermín Santoveña Herrero seguimos comprometidos en ofrecer espazos e recursos para o desenvolvemento do talento dos nosos mozos e mozas deportistas, contando para elo cos mellores adestradores e por suposto, co esforzo dos seus pais, Silvia e Mario, e familiares que en todo momento apoiaron o seu innato talento”.

Dende o ente local deséxanlle “unha etapa chea de éxitos nesta nova aventura, confiando en que continuará levando con orgullo o nome de Trives”.