En portadaSanidadeÚltima hora

“Imos camiño de perder o servizo de Pediatría no Hospital Público de Valdeorras”

Así o aseguraba Suso Vilasánchez, membro da Xunta de Persoal deste centro, na concentración en defensa "dunha sanidade digna" deste xoves

 

“A día de hoxe a solución para o Hospital Público de Valdeorras segue sen estar enriba da mesa”, dicía Víctor Pariente, presidente da Xunta de Persoal deste centro sanitario na concentración que, dende abril, se vén realizando cada xoves ás portas do mesmo. Esta semana a Xunta de Persoal mantiña unha reunión coa Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco na que se lles anunciaba a contratación dun xinecólogo para o hospital, “pero seguen pendentes outras 20 prazas de especialistas e, polo que nos comentaron, non hai previsión de que veña para O Barco ningún dos MIR que remataron a súa formación este curso”, dicía Pariente, que lembraba tamén como a problemática do servizo de Medicina Interna que se está vendo agora mesmo a nivel galego, xa leva meses poñéndose de manifesto dende o Distrito Sanitario de Valdeorras , “e o conselleiro non se dignou nin a chamarnos. O problema hai que solucionalo aquí”.

O presidente da Xunta de Persoal insiste en que a problemática do hospital valdeorrés “é estrutural, se non hai servizos interconectados e dotados, a sanidade non funciona. Pedimos que os 20 especialistas que faltan no hospital sexan contratados, que se fidelicen e que se dote ao hospital dos servizos que tiña hai 10 anos, xa que o conxunto de especialistas actual é inferior ao 50% do total dos que había daquela”.

Por outra banda, outro membro da Xunta de Persoal, Suso Vilasánchez, representante da CIG Saúde, adiantaba que “imos camiño de perder o servizo de Pediatría no Hospital Comarcal de Valdeorras”. E explicaba que o motivo é que dende o Hospital de Verín, pertencente á mesma área sanitaria que o de Valdeorras, “se lles ofrecen mellores condicións laborais. Isto é o colmo. Esta cuestión plantexámoslla na reunión á xerencia da área e a resposta que se nos deu é que isto é unha cuestión histórica. Nós o que queremos é que os especialistas non marchen deste centro porque teñan mellores condicións en Verín”.

Neste senso, Vilasánchez facía unha chamada de atención á sociedade das comarcas de Valdeorras, Verín e Viana, “ou nos defendemos en serio, ou perdemos o Servizo de Pediatría do Comarcal de Valdeorras. Non queremos un pediatra que veñan puntualmente, queremos un pediatra con capacidade de ver ao neno, de seguilo e do que saibamos o seu nome”.

Finalmente, Víctor Pariente matizaba que a situación do HPV non é un problema da Xunta de Persoal, “é un problema social, de todos, a nosa saúde vai nelo. E a solución pasa por que se paguen salarios dignos aos facultativos”. Finalmente, agradecía a presenza dos asistentes e emprazábaos á concentración do vindeiro xoves.

Artigos relacionados

Back to top button