EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Impulso á dixitalización do sector vitivinícola na provincia

Faise balance do programa de "Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade no Sector Vitivinícola: Dixitalización e Industria 4.0", coa participación de 14 adegas

 

Esta mañá os responsables do programa de “Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade no Sector Vitivinícola: Dixitalización e Industria 4.0” facían o balance dos resultados obtidos. As dez sesións semanais desenvolvéronse entre abril e xullo e froito delas e das aplicacións e solucións dixitais explicadas, xurdiron proxectos individuais e colectivos das adegas participantes.

A presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Novoa, foi a encargada de explicar, xunto con responsables do Igape, o contido e alcance das distintas sesións nas que participaron catorce adegas, un proxecto do que destacou que “chega ao seu fin coa sensación compartida de éxito e de obxectivos cumpridos”.

A principal finalidade destas sesións é a de axudar ás empresas vitivinícolas a dixitalizar o seu sector, dotándoas de ferramentas para acelerar a súa transformación dixital e simplificar a súa implementación, en definitiva, combinar unha actividade con gran potencial e implantación na provincia como a vitivinícola coa dixitalización, un factor que pasou de ser opcional nas empresas para ser xa imprescindible e ineludible. Deste xeito, os talleres introduciron solucións e aplicacións dixitais para temáticas como experiencias enoturísticas, catas virtuais, márketing dixital, telemetría do viño en tempo real, aforro enerxético e paneis fotovoltaicos en adegas, guía de ecodiseño para o sector, ferramentas para a xestión integral das adegas mediante un software específico adaptado a este sector, a xestión administrativa (factura e firma electrónica); os servizos que ofrece ao sector a Enterprise Europe Network; o cálculo e rexistro da pegada de carbono, e a presentación das axudas da Xunta á dixitalización, sustentabilidade e economía circular. Toda a temática foi proposta polas propias adegas, ofrecéndolles así a posibilidade de adaptar as sesións ás súas inquietudes e necesidades e cubrir os temas máis urxentes e de maior interese para levar a cabo esta transformación dixital.

Outro obxectivo que persegue o proxecto e que alcanzou é o de configurar un espazo de encontro para as empresas do sector no que poidan explorar solucións tecnolóxicas específicas e vías de colaboración que dean lugar á implementación de ferramentas dixitais colaborativas que ademais poidan optar a axudas á dixitalización, ou ao nacemento de iniciativas conxuntas.

 

A presidenta da CEO, Marisol Novoa, facendo balance do programa./ Cedida.

 

Como obxectivos específicos este Obradoiro tamén persegue optimizar e aumentar a calidade da produción de viño galego cara á eficiencia e sustentabilidade por medio de recursos intelixentes; así como mellorar o valor do viño a través de plataformas que aseguren a rastrexabilidade desde o viñedo ata o consumidor, garantindo a calidade. Igualmente, outro obxectivo a medio prazo é a dinamización económica das zonas produtoras e o impulso da comercialización a través do enoturismo.

Nacemento de proxectos individuais e colectivos

As sesións prácticas desta iniciativa, comezadas no mes de abril, desenvolvéronse semanalmente, e contaron coa participación de catorce adegas das 4 denominacións vinícolas da provincia. Ademais, as presentacións de solucións tecnolóxicas para a súa xestión diaria en diferentes ámbitos reuniron a expertos e expertas que explicaron a implementación de aplicacións dixitais ou software específico para cada tema tratado.

Cabe destacar o servizo de diagnóstico de madurez dixital e, ao termo do proxecto moitas delas están a poñer en marcha proxectos individuais de mellora tecnolóxica e de dixitalización 4.0. Ademais, estanse consolidado dúas iniciativas agrupadas: unha de dixitalización de canles comerciais a través de Marketplace e outra de enoturismo en liña.

Con este proxecto a CEO salienta o seu labor nos servizos que presta ao sector vitivinícola, de vital importancia na provincia ourensá, e para o que tamén levou a cabo nos últimos anos acciones de capacitación, promoción e internacionalización.

Artigos relacionados

Back to top button