A primeira Planta de Refinación de Aceites de Galicia está na provincia de Ourense. Ocupa unha superficie de 20.000 metros cadrados no polígono de San Cibrao das Viñas e pertence á empresa Aceites Abril. Permitirá refinar 280.000 litros diarios de aceite de xirasol e oliveira, avanzando na calidade e trazabilidade dos seus produtos.
Estas instalacións inaugurábanse na mañá do 27 de marzo coa asistencia do presidente da Xunta da Galicia, do subdelegado do Goberno na provincia e dos alcaldes de San Cibrao das Viñas e de Ourense, entre outras autoridades. O programa comezaba cunha visita ás instalacións da fábrica e da refinería, guiada polo coxerente de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal. Xusto antes de entrar nesta última, o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, bendecía as instalacións. Logo procedíase ao descubrimento da placa, da man da muller do fundador da empresa, María del Carmen Canal.
A continuación tiña lugar o acto inaugural, conducido pola directora de Marketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal. “Detrás de cada botella de Aceites Abril”, aseguraba, “hai preto de cen persoas que traballan para que a maxia do ouro verde chegue cada día ao prato dos nosos clientes”.
Pola súa banda, o coxerente de Aceites Abril apuntaba que esta é “unha planta de refinación dotada da máis alta tecnoloxía”. Un fito que marca o constante proceso de evolución e modernización que ten sufrido a empresa ourensá ao longo dos seus “55 anos de historia” e que lles ten permitido estar hoxe “presentes en máis de 30 países”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausuraba o acto nunha intervención na que sinalaba que Aceites Abril está xa presente nunha trintena de países e destina á exportación catro de cada dez litros de aceite que envasa; “unha empresa que case cuadriplicou a súa cifra de negocio na última década, pasando duns ingresos de 26 millóns en 2004 a 102 millóns en 2014”.