CulturaCulturaÚltima hora

Inaugúrase en Ourense unha exposición sobre o filme “Sempre Xonxa”, rodado en Valdeorras

O seu título é "Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019" e está instalada no Centro Cultural da Deputación e forma parte do 23 OUFF

 

Coincidindo coa conmemoración dos 30 anos da primeira película de ficción galega e en galego, “Sempre Xonxa”, rodada en Santoalla (Petín), vén de inaugurarse esta tarde en Ourense a exposición “Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019”, instalada no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O acto inaugural contaba coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outras autoridades.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que esta mostra está centrada na “primeira longametraxe rodada en galego en 35mm e rodada integramente na nosa provincia, en Valdeorras, en Santoalla, no concello de Petín” e que foi estreada “o 25 de novembro de 1989, e novembro é o mes de Ourense, no que celebramos o noso patrón, a San Martiño”.

Sempre Xonxa é, segundo Manuel Baltar, “unha película mítica de 114 minutos, unha película realista que a través das súas catro estacións fai repaso dunha historia vencellada á alma de Ourense, á emigración”. Esta exposición pretende, polo tanto, “reivindicar a nosa provincia como plató de cine”, dixo Baltar, quen adiantou que “seguiremos nesa liña da produción propia do OUFF e da memoria histórica audiovisual” e lembrou que Ourense tamén foi escenario da “primeira curtametraxe rodada en galego por un cineasta de Ourense, Eloy Lozano, en 1974, “Retorno a Tagen Ata”, baseado nun relato de Méndez Ferrín, tamén ourensán das Terras de Celanova”.

 

 

Esta mostra organízase no marco das actividades paralelas da 24ª edición do Ourense Festival Film (OUFF) que arrancará o vindeiro 27 de setembro na cidade das Burgas. Ao acto inaugural tamén acudían o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández; a comisaria da mostra, Marta Villar; a viúva do director Chano Piñeiro, Mari Luz Montes, e a actriz Uxía Blanco, que interpretou o personaxe de Xonxa no filme.

 

Artigos relacionados

Back to top button