ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Inaugúrase a exposición “Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira de ensoños…”, na Rúa

O proxecto “As letras de Florencio” dá un paso máis coa presentación da páxina web

Pouco a pouco vanse materializando as iniciativas para dar a coñecer e reivindicar a figura de Florencio Delgado Gurriará postas en marcha con “As letras de Florencio”, un proxecto cultural valdeorrés para lograr que a Real Academia Galega lle conceda o Día das Letras Galegas ao literato de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

O primeiro paso foi a posta en marcha da “Irmandade de Florencio”, un club de socios para apoiar a candidatura e despois virían outros como a inauguración da exposición “Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira de ensoños…” no Centro Cultural Avenida da Rúa.

Na tarde do 16 de decembro e da man da directora do proxecto, Débora Álvarez, os asistentes (entre os que había representantes políticos, culturais e sociais da comarca), puderon coñecer un pouco máis sobre a “vida de película” que tivo este autor nado en Córgomo en 1903, que foi poeta, republicano e galeguista recoñecido, vivindo nas súas propias carnes o exilio lonxe da súa benquerida terra e familia.

Todos os datos que Débora explicou ao público, poden analizarse polo miúdo nos 25 paneis dos que consta a mostra que permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro. O horario de visitas é de 16:30 a 19:30h. “excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro que estará pechado”. Ademais, na vindeira semana haberá visitas guiadas para os estudantes dos centros escolares da Rúa, tal como explicou o alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña, tamén presente no acto xunto ao concelleiro de Cultura, Avelino Fernández.

E tralo percorrido pola intensa vida do poeta valdeorrés, dábase outro paso máis no devir do proxecto, coa presentación da páxina web oficial na que, ademais da sección “A irmandade de Florencio” (unha especie de recollida de sinaturas e apoios ao proxecto para facelo público) hai todo tipo de información sobre a súa vida e a súa obra, artigos, imaxes,… aberta e para todos os públicos.

O broche á inauguración poñíase cuns aperitivos e un viño cedido polo Consello Regulador da DO Valdeorras.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button