OurenseÚltima hora

Incórporase unha escultura de Toño Monteiro á mostra do Centenario de Antón Tovar

Esta exposición pode visitarse no Museo da Limia, en Vilar de Santos

O artista Toño Monteiro, coa súa escultura “Memoria”./ Foto cedida polo Museo da Limia.

 

A exposición conmemorativa do Centenario de Antón Tovar, que amosa no Museo da Limia, en Vilar de Santos, é unha mostra aberta e dinámica disposta a incorporar elementos de interese vinculados ao poeta da Pereira. E, nesa aposta por difundir a obra literaria e a vida do gran poeta limiao, merece unha especial atención a creación escultórica do artista Toño Monteiro, da Baixa Limia incluído na Biblioteca da Limia.

“Trátase dunha peza elaborada en ferro, bautizada co nome de Memoria, sobre a que se plasma unha silueta da cara de Tovar, que repousa sobre a sinatura sinatura e sobre os títulos de varios libros dos seus poemas, chantada nunha peana , feita dun cepo de carballo centenario, sobre o que o ferro se amarra con cravos das farras dos antigos carros de bois. Simboliza, por tanto, a memoria das palabras, agarrada ao país, ao pasado e ao presente do que forma parte un dos poetas intimistas máis importante do século XX”, tal e como se destaca dende o Museo da Limia.

 

Foto cedida polo Museo da Limia.

 

Esta peza quere sintetizar a exposición do Centenario de Antón Tovar e permanecerá para sempre nun lugar destacado do Museo, como memoria e lembranza da celebración dos 100 anos do seu nacemento.

A intención dos responsables do museo é seguir incorporando pezas. Así, na próxima fin de semana incluirase no espazo expositivo unha acuarela de “Xaime Quesada, amigo e compañeiro de militancia do poeta, que foi elaborada expresamente no seu día para ilustrar un especial da revista Lethes, que edita o Centro de Cultura Popular do Limia, en colaboración co Museo da Limia”, adiantan.

Ademais, xa forman parte da mostra, amais das ilustracións de Arturo Baltar, a acabada de incorporar Memoria de Toño Monteiro, creacións plásticas de Xosé Lois Carreira, Victoria Taboada e Manuel Traveso.

Esta exposición pode verse de 11:30h. a 13:30 h. e de 16:30h. a 19:30 h., os sábados e domingos.

 

Artigos relacionados

Back to top button