ConcellosTrivesÚltima hora

Instalado un parque biosaudable na Residencia da Terceira Idade de Trives

 

Os usuarios da Residencia da Terceira Idade de Trives, pertencente á Mancomunidade de Navea Bibei, poderán gozar dos beneficios que comporta o novo parque biosaudable que xa está instalado no centro e que comprende desde unha pérgola con mesas e bancos onde pasar tempo de esparexemento para as súas charlas ou xogos de mesa, ademais de distintos elementos que compoñen un parque biosaudable como bicicletas estáticas ou outros elementos e novo mobiliario de exteriores.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Sierra Fernández, resalta a importancia da instalación destes elementos que, con cargo a unha subvención de Agader foi solicitada polo mesmo para reportar beneficios no benestar e saúde dos residentes.

 

 

Este tipo de parques axudan a manter ou mellorar a mobilidade articular de membros superiores e inferiores; melloran a forza e a resistencia muscular; traballan a coordinación, así como a destreza óculo-manual; fomentan a interacción social entre varios individuos da contorna; melloran a función cognitiva, sensorial e motriz do cerebro; axudan a manter ou mellorar a súa autonomía e calidade de vida; melloran a lonxevidade e as relacións sociais,… Beneficios, todos eles que cobran se cabe maior importancia tras a crise da pandemia da que vimos de saír e que acusa máis en persoas maiores. “Os nosos maiores son o ben máis prezado que debemos seguir coidando e nesta liña continuamos traballando na consecución de novas axudas que aos poucos contribúan á mellora das instalacións e redunden no benestar dos nosos maiores”, asegura Sierra Fernández.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button