Dobre sesión deportiva tiña esta fin de semana a sección de orientación do Club Peña Trevinca Barco. O sábado 23 de outubro celebrábase no mapa de Monte Grande, no concello de Bande, a 6ª proba da Liga Galega de Orientación a Pé, organizada pola Asociación Deportiva Limiactiva. Unha competición puntuable tamén para a Liga Interrexional Galicia-Norte de Portugal, na que os orientadores puideron desfrutar de “magníficos trazados sobre un terreo de elevada esixencia técnica e física”, aseguran dende o club barquense que participaba con 10 deportistas.
O resultado máis destacado foi o de Iván Ramos Abelaira, 2º en M21A; seguido polo de Montserrat Rojo Marinas, 6ª en F45. Martina Aller Pfirter e Yevheniya Chystyakova eran 7ª en F12 e en F Elite, respectivamente; mentres que Pablo Aller Estévez era 11º en M45.
Ao día seguinte, domingo 24 de outubro, o club competía no mapa da Área Termal de Barbantes Estación (concello de Cenlle) pola Copa Diputación, nunha carreira organizada de forma conxunta pola Asociación Deportiva Limiactiva e o Club Peña Trevinca Barco, con numerosa afluencia de deportistas tanto ourensáns como doutras provincias galegas, facendo máis competitivos os distintos percorridos.
Nesta carreira, os cadetes Mailén Aller Pfirter e Juan Pablo Agudo Calvelo vencían nas súas respectivas carreiras.