DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Intensa semana de baloncesto para o MV Barco

Os cadetes pasan a semifinais da Copa Deputación pero caen contra Seis de Nadal na fase de ascenso

Dominando o marcador por parte dos cadetes en cuartos de final da Copa Deputación no partido de ida fronte a Bosco Salesianos, comezaba o MV Barco unha intensa semana de competición.

Tralo partido dos cadetes o mércores 16 e aproveitando a festividade das Letras Galegas, o 17 de maio varios equipos barquenses desprazábanse ata Ourense para disputar unha xornada máis, sendo os máis pequenos os primeiros en xogar. O benxamín “laranxa”, equipo de primeiro ano, vencía ao Barbadás nun “partido interesante coma sempre onde dá gusto ver aos nosos pequenos no campo xogando en equipo e con ganas de meter canastas”, aseguran dende o club. O alevín masculino pola súa banda enfrontábase ao Maside e “malia a gran altura que presentaban, os nosos puderon levar un partido cómodo ata o final, obtendo unha vitoria máis e pasando así como primeiros de grupo para a seguinte fase da Copa Deputación”.

Os seguintes en saltar á cancha eran os cativos do equipo cadete masculino para xogar o seu partido de volta contra Bosco Salesianos, que se resolvía, igual que na ida, nos minutos finais. “Os do Salesianos aproveitaron a oportunidade e recurtaron o marcador a punto de levarse o partido pero ao final os nosos ganaron de 8 puntos, o que lles dá o pase á semifinal que disputarán esta semana fronte aos do Allariz”, explica Patricia Gómez. Pechaban a mañá os benxamíns “vermellos” fronte aos de Divino Maestro, nun partido emocionante onde primou a velocidade. Ao final os do Barco vencían e lograban o pase como primeiros de grupo á seguinte fase da Copa Deputación.

Xa na fin de semana, en plenas Festas de Santa Rita, o sábado 19 de maio tocaba volver a Ourense. Desta volta co equipo alevín feminino que disputaba o seu último partido da fase de grupos de Copa Diputación fronte a Allariz, dominando desde o principio e mantendo unha distancia no marcador que lles permitía ganar. Ese mesmo día no pavillón Paco Paz xogábase a seminifinal de Copa Deputación júnior. “Partido complicado xa que se enfrontaban aos rapaces do COB que viñan de xogar o campionato de España de clubs”, explica Patricia, engadindo que así e todo os do Barco saíron a pelexar o partido dende o inicio. Ao final non puderon cos ourensáns que conseguían o pase á final pero están satisfeitos co partido co que rematan a tempada e moitos deles o seu ciclo na canteira do Barco xa que para o vindeiro ano pasarán a sénior e algúns continuarán no club pero moitos outros non.

O prato forte da fin de semana chegaba de novo cos cadetes que disputaban o seu partido de fase de ascenso a primeira división galega fronte a Seis do Nadal pero malia o esforzo dos barquenses, non pudo ser. Os de Vigo foron superiores “sobre todo grazas á súa altura e forte xogo interior”, puntualizan dende o MV que con esta derrota perde a posibilidade de obter a praza aínda que seguirá loitando por conseguila na repesca en setembro.

Pechando a semana chea de encontros, o infantil masculino xogaba o seu partido de Copa Deputación contra o Maside, logrando o pase a semifinais onde se medirán ao Bosco Salesianos.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button