OurenseÚltima hora

Intensifícanse os controis para garantir o peche perimetral de Galicia na Semana Santa

Dende o 25 ao 30 de marzo a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron na provincia 268 operativos nos que se identificou a 2.161 persoas e se controlaron 1.595 vehículos

Reunión celebrada esta mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense./ Cedida.

 

Neste mércores tiña lugar unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, presidido polo Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, participaban responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Emilio González informou da intensificación durante os días da Semana Santa dos controis por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir, entre outras medidas, o peche perimetral da Comunidade Autónoma. A Garda Civil e a Policía Nacional traballan nas principais vías de acceso a Galicia, así como en infraestruturas de chegada de viaxeiros, como estacións de autobuses e tren, para comprobar que os motivos daqueles desprazamentos procedentes de fóra da Comunidade se axustan ás excepcións establecidas na normativa.

Así mesmo, as forzas de seguridade velarán polo cumprimento das medidas acordadas entre o Goberno de España e as Comunidades Autónomas no Consello Interterritorial de Saúde que suman, ao peche perimetral, a limitación da mobilidade en horario nocturno, as reunións dun máximo de catro persoas en espazos públicos pechados, de seis en espazos públicos abertos e exclusivamente de convivintes nos domicilios.

O subdelegado do Goberno sinalou que no CECOR se estableceu o reforzo dos operativos conxuntos entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os diferentes corpos de Policía Local para garantir o cumprimento das medidas decretadas pola Xunta de Galicia para o sector da hostalaría e, ao mesmo tempo, apoiar a labor preventiva nestes establecementos.

Dispositivos de control e vixilancia sanitaria con 892 axentes

Durante a reunión tamén se fixo balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade durante os últimos seis días para vixiar o cumprimento das medidas sanitarias vixentes para conter o avance do Covid-19. En total, do 25 ao 30 de marzo a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 268 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 892 axentes. Neles identificouse a 2.161 persoas, controláronse 1.595 vehículos e eleváronse 135 propostas de sanción. No ámbito da hostalaría realizáronse 100 inspeccións en establecementos.

González Afonso destacou que todas as forzas e corpos de seguridade traballan coordinadamente e están a facer un gran esforzo para velar polo cumprimento das medidas sanitarias, axudando así a protexer a saúde das ourensás e dos ourensáns.

Por último, o subdelegado do Goberno fixo un chamamento á cidadanía “para seguir respectando as medidas antiCOVID, posto que o virus segue estando aí e debemos continuar sendo responsables”.

Artigos relacionados

Back to top button