
Dende esta tarde e ao longo de dez días unha vintena de investigadores de diferentes universidades europeas e extracomunitarias participantes no programa de posta en valor da montaña Highlands.3 (no que participa a Asociación de Turismo e Hostalería de Trevinca – A Veiga TREVIHOST), visitarán Trevinca e o seu entorno para levar a cabo a finalización de dito programa. Nesta estancia na Veiga estarán acompañados por representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A continuación desprazaranse a Portugal para realizar outra estancia de 15 días.
“A nosa entidade participa neste programa dende 2020 como asociada e colaboradora xunto coa USC, departamento de Xeografía, cuxo responsable no programa é o doutor en Xeografía Valeriá Paül”, explican de TREVIHOST.
Este programa europeo básease en investigar as distintas iniciativas de agricultura, turismo e desenvolvemento rural sustentable e inclusivas en diferentes áreas montañosas protexidas do mundo para plasmalas nun documento e poder comparalas.
“Trevinca-A Veiga foi escollida polas súas características únicas neste tipo de terreos “Highlands”, Terras Altas, polo seu estado de conservación e pola característica única en Galicia como ser o punto máis elevado de Galicia, Pena Trevinca (2127 m). Tamén escolleuse A Veiga polos diferentes graos de protección, ZEC E ZEPA, ademais de iniciativas innovadoras onde encaixa perfectamente coa filosofía do programa, como son as explotacións en extensivo, transformación de produtos alimentarios autóctonos, turismo sustentable e paisaxe natural de montaña”, indican dende TREVIHOST.
NA Veiga estes investigadores farán entrevistas e visitas guiadas a explotacións de vacún en extensivo, ao Centro de transformación de produtos agroalimentarios e mel, Actividades Turísticas de Montaña, CMVMC, historia do volframio, cooperativa de mulleres no rural, establecementos hostaleiros no rural, persoal municipal, observatorio astronómico e turismo fluvial de encoro, ademais de outras actividades lúdicas participativas soa poboación local.
Este programa está financiado pola Unión Europea e conta cun orzamento total de 2.5 millóns de euros. A xornada final de presentación das conclusións está prevista para o 27 de xuño pola tarde.