DeportesÚltima hora

Isidoro Hornillos, expresidente da Federación Galega de Atletismo, recibe o recoñecemento da Asemblea Xeral da RFEA

 

Isidoro Hornillos, ata hai uns meses presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), recibía a pasada fin de semana na Asemblea Xeral da Real Federación Española de Atletismo celebrada en Madrid, unha homenaxe por toda unha longa traxectoria atlética de algo máis de cincuenta anos.

O mandatario da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Raúl Chapado, era o encargado de entregar esta distinción e de pronunciar unhas palabras de agradecemento e recoñecemento por todo o gran traballo levado a cabo.

Pola súa banda, Hornillos salientaba o seu orgullo ao recibir esta distinción diante da Asemblea Xeral onde declaraba que “remato unha etapa pero non me desvinculo deste deporte”. Na súa curta intervención tivo tempo para as lembranzas. “Recibín o testigo dun gran home e gran amigo que nos deixou recentemente Sergio Vázquez, e fago entrega del a outro compañeiro e amigo, Iván Sanmartín que vai ser a persoa que dirixa os intereses do atletismo galego”.

Diante do máximo órgano de goberno do atletismo, expresou o seu desexo de “ter podido contribuír durante todos estes anos nos distintos cargos e parcelas que ocupei, a facer un atletismo galego e por extensión español algo mellor”, concluíndo as súas verbas dando as grazas a Raúl Chapado e a toda a familia do atletismo nacional.

Foto: FGA.

Artigos relacionados

Back to top button