
As adegas subterráneas de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) abrirán as súas portas ao público o vindeiro 8 de xullo para celebrar a cuarta edición da Festa Coveira. Este roteiro, que permite visitar as covas, degustar os seus viños e tamén probar multitude de pinchos; cobrará vida a partires das sete e media da tarde.

As entradas (coas que se dará unha cunca conmemorativa) poderán mercarse ese mesmo día ao prezo de 12 euros, ou ben de xeito anticipado cun custe de 10 euros na Carnicería Carlos e na Cafetería Makoki (en ambos casos no Barco).
A celebración estará animada pola actuación do grupo tradicional Os Bertolini de Manzaneda, e ao remate da festa terá lugar unha actuación musical. Esta IV Festa Coveira será organizada polos Coveiros de Arcos de Valdeorras en colaboración co Concello de Vilamartín.