DeportesÚltima hora

Iván Sanmartín, proclamado presidente da Federación Galega de Atletismo

Iván Sanmartín, novo presidente da FGA./ Foto: FGA.

 

Nova cara á fronte da Federación Galega de Atletismo (FGA). Esta tarde resultaba proclamado presidente da entidade Iván Sanmartín, que colle o relevo de Isidoro Hornillos. Esta tarde celebrábase en Santiago unha asemblea xeral constitutiva da federación cuxos únicos puntos na orde do día eran a elección do presidente e dos membros da Comisión Delegada.

No caso da elección da presidencia non foi preciso efectuar votación ao terse presentado unha soa candidatura (art. 24.6 del Regulamento electoral), a de Sanmartín.

Así, tanto a candidatura do novo presidente, como a dos membros da Comisión Delegada, (cuxo número non era superior a dos postos a elexir) non precisaron de votación para a súa proclamación, quedando constituidos nun acto breve na que o presidente da mesa electoral Toto Bazán, facía oficial o nomeamento de quen será o máximo responsable do atletismo autonómico nesta nova lexislatura.

Ivan Sanmartín, quen fora Delegado federativo en Santiago e vicepresidente da Federación Galega na anterior etapa, aproveitou esta primeiro acto público para dar as grazas a todos os asistentes pola confianza expresada manifestando a súa vontade “…para poñerme ao servizo do atletismo galego e de todos os seus estamentos atléticos”.

De igual modo explicou brevemente algúns dos que serán os seus eixos fundamentais para este novo período entre os que destacan a elaboración dunha nova xunta directiva cun novo organigrama. Tamén entre os retos figura o de aumentar os recursos para a tecnificación, contar cunha nova dirección deportiva, potenciar os campionatos de Galicia absolutos e pór en valor a Selección galega.

Aparecen como novidades a creación das figuras do Coordinador de infraestruturas e a Oficiña do organizador para reforzar estas dúas importantes áreas. De igual modo seguirase traballando conxuntamente co Comité Galego de Xuíces para satisfacer as necesidades deste importante colectivo.

Sanmartín fixo un especial énfase ao citar ás categorías base, as cales seguirán contando con toda a atención e relevancia a nivel de seguimento e actividade sen descoidar a organización de probas absolutas de rango nacional e internacional na nosa comunidade, segundo dixo.

Outros dos aspectos citados foron continuar ca dotación de novas medidas tecnolóxicas, o incremento dos circuítos homologados de competición, o fomento das modalidades de campo a través, trail e montaña, o incremento de acordos e convencios coas distintas federacións así como a procura de novos recursos tanto no sector privado como público.

O novo presidente remataba a súa intervención non sen antes agradecer a todos cantos o acompañaron nos últimos anos, de maneira en especial ao anterior presidente Isidoro Hornillos “quen me deu a oportunidade de entrar a formar parte na Federación e cuxa experiencia e consellos transmitidos fan que esté hoxe aquí tomando o seu relevo”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button