ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BoloSanidadeÚltima horaVídeos

J. Ramón Ricoy: “Meu pai foi o médico do Bolo e parte de Manzaneda durante toda a súa vida, as 24 horas dos 365 días do ano”

O Concello rendía homenaxe a D. Sebastián Ricoy diante da casa onde naceu, nas Ermidas, no marco da XV Festa da Vitela

 

Din que é de ben nacido ser agradecido e o Concello do Bolo comezaba o ano pasado co bonito costume de incluír, no marco da Festa da Vitela que vai pola XV e dición, un acto de agradecemento público ao labor de veciños do municipio que deixaron a súa pegada en diferentes ámbitos.

 

 

O ano pasado rendían homenaxe ao que fora o alcalde de 1979 a 1987, Félix Enríquez Vega, impulsor da construción do CEIP do Bolo no 1981; e este ano facíano ao doutor Sebastián Ricoy Otero (1906-1997), médico titular do concello do Bolo, cun acto sinxelo pero emotivo e con sentimento diante da casa onde naceu, nas Ermidas, onde nun dos muros, figura dende o mediodía deste sábado 19 de abril, unha placa na súa memoria “en agradecemto polo seu traballo e adicación”.

 

 

Ao acto, nunha mañá fría e chuviosa, acudían membros da corporación municipal do Bolo co alcalde, o socialista Alberto Vázquez á cabeza; Amable Fernández, o alcalde de Manzaneda onde D. Sebastián tamén exerceu debido á proximidade entre os concellos; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; veciños das Ermidas; e familiares do homenaxeado, co seu fillo José Ramón Ricoy á cabeza, entre outros.

 

 

El era quen agradecía o acto dirixíndose, visiblemente emocionado, aos asistentes para falar con orgullo do seu pai, Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela o 11 de xuño de 1932, durante a República, exercendo dende ese momento e de xeito ininterrompido, como médico de Atención Pública Domiciliaria no concello do Bolo e parte do de Manzaneda ,o que lle deu a oportunidade de atravesar varios períodos históricos. “Licenciouse e foi médico durante a República, exerceu durante a desgrazada Guerra Civil, durante a dictadura e tamén durante a desexada Democracia”, lembrou José Ramón, destacando que durante toda a súa vida adicaouse ao exercicio da Medicina “en corpo e alma, cun horario de 24 horas xa que era moi frecuente recibir duranta a noite a pacientes ou familiares que pedían consello xa que os medios de transporte eran moi escasos e lentos e tardaban en chegar á consulta”.

 

 

 

 

Neste horario, de día e noite, D. Sebastián, como era coñecido atendía os 365 días do ano. “Nunca tivo vacacións, como moito algún día que ía ao cine á Rúa, cando había cine”, lembra o seu fillo, recoñecendo que os medios de diagnóstico dos que dispoñía eran realmente precarios con catro útiles básicos “os forceps, as pinzas, as agullas para coser e pouco máis”, atendendo así e todo diferentes procesos, incluídas fracturas e partos, lembrando feridas que curou sendo el testemuño. Recibía en casa pero tamén visitaba aos enfermos, a pé ou a cabalo, sen estradas nin máis medios dende o nacemento ata o falecemento, facendo de todo como médico rural que era, cun labor “silencioso, heróico e solitario, con escasos medios, sendo o seu ollo clínico a mellor baza para solventar a maioría das patoloxías, vivindo por e para os seus pacientes”.

 

 

José Ramón aproveitou a ocasión para destacar o labor do seu pai ao atender aos “milicianos republicanos, vulgarmente chamados fuxidos, que ao proclamarse a Ditadura fuxiron ao monte para esconderse e non formar parte dos exércitos do Xeneral Franco, que eran clientes do meu pai que sempre os atendía e nunca revelou nin denunciou a ninguén pese a ser obrigatorio por parte dos golpistas”, remataba entre aplausos.

 

 

O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, agradecía tamén a presenza dos asistentes, recoñecendo que “D. Sebastián merecía un recoñecemento, aínda que sexa pequeno, para que o seu legado forme parte da historia dos boleses”, dixo sinalando a placa na parede da súa casa, onde remataba o acto cun aperitivo para os asistentes.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Carlos G. Herverlla/ Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button