OurenseÚltima hora

Javier Gutiérrez e Cristina Castaño encabezan o reparto de “¿Quién es el señor Schmitt?”, este venres no Auditorio de Ourense

A obra comeza como comedia, torna thriller de suspense e acaba bordeando o drama e mesmo a traxedia con trazas de absurdo
Javier Gutiérrez e Cristina Castaña.

Dous dos rostros galegos máis recoñecidos do cine e da televisión na actualidade, Javier Gutiérrez e Cristina Castaño son os protagonistas de ¿Quién es el señor Schmitt?, a obra de teatro que programa o Auditorio Municipal este venres ás 20:30 horas. Dirixida por Sergio Peris-Mencheta a partir dun texto orixinal de Sébastien Thiéry, a obra pon en escena ao señor e á señora Carnero que, namentres cean tranquilamente na súa casa, reciben unha chamada de teléfono na que un misterioso interlocutor insiste en falar cun tal señor Schmitt… O pánico apodérase de todo, comezou o pesadelo.

Trátase dunha obra nada común, que empeza como comedia, logo torna thriller de suspense para acabar bordeando o drama e mesmo a traxedia con trazas de absurdo. Desde po primeiro momento búscase a implicación do público, quen deberá decidir tamén o final da obra, que xoga continuamente con quen é realmente cada un e con que busca na vida, co real e co inventado. A negación dunha realidade difícil, perturbadora e ou simplemente insoportable pode volver ficticio o cotiá, obrigando o espectador a cuestionarse que é xenuíno e que non.

Esta adaptación de Segio Peris-Mencheta, dunha duración de 90′, conta tamén coa participación de actores como Armando Buika, Xabier Murua e Quique Fernández, aínda que a propia escenografía podería contar coma un elemento narrativo de grande intensidade.

As entradas están á venda a partir de 15 € en www.ataquilla.com, na Sala de Exposicións Afundación e no despacho de billetes dúas horas antes da función.

Artigos relacionados

Back to top button