
Paso a paso e dende cero, “con novo plantel, novo corpo técnico e novas ilusións”. Así quere comezar Javier Rey a súa terceira etapa como adestrador do C.D. Barco, un club ao que considera a súa casa e ao que regresa só tres anos despois de deixalo.
Tras dúas etapas no conxunto barquense, no 2018 Rey decidía que rematara o seu tempo aquí, pero tras pasar polo equipo da Liga Galega do Ourense C.F., polo Celtiga e polo Arzúa, non dubida en reunirse co presidente do Centro de Deportes Barco, Nilo Ramos, cedendo facilmente ante a proposta. “Este ano vin varios partidos en directo e vivín dende lonxe pero á vez dende cerca a situación e sei que o pasaron moi mal, co cal unha vez que remata a tempada e como eu estaba libre e era unha opción que si me plantexaba aínda que tiven varias ofertas para adestrar a outros equipos, no momento en que Nilo me chama e me reúno con el non puden dicirlle que non”, asegura.
¿Como valora a tempada 2020/21 que viviu o club barquense?
Foi un ano complicado para todos, tanto polo sistema de competición como pola pandemia e ao final había moitos descensos (o 65% na segunda fase). Era unha situación difícil para os equipos, para os adestradores e para os clubs e ao final estamos falando de fútbol e hai anos que as cousas saen ben e outras nas que non. Por fortuna O Barco logrou manterse e conseguiu salvar a tempada, algo que hai que valorar porque foi un ano moi duro que se viu reflexado en equipos bos con proxectos moi ambiciosos que perderon a categoría. É moi importante non só para o club senón para toda a comarca que o Barco esté en Terceira División.
A 2021-2023 sera a súa terceira etapa no club barquense, ¿con que obxectivos colle as rendas do equipo neste momento?
A nivel persoal moi ilusionado. E a nivel deportivo, despois do que viviron este ano hai que ter serenidade e facer as cousas ben dende o primeiro momento porque como vimos, facer un bo plantel nesta 3ª non garantiza nada, polo que hai que traballar durante toda a semana e despois intentar competir o mellor posible e estar na zona tranquila, non pasar apuros e volver asentarnos na categoría. O proxecto é bo e sei que estamos facendo un bo equipo e ilusión imos ter sen renunciar a nada, pero hai que ser realistas, asentar outra vez ao equipo e polo menos ter un ano tranquilo.
A entrevista completa pode lerse no número de agosto de O Sil Deportivo.