DeportesFútbolÚltima hora

Jesús Álvarez, míster do CD Córgomo Vilamartín: “A unión do equipo é a súa fortaleza”

Jesús Álvarez Domínguez, adestrador do CD Córgomo Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Vinculado á comarca por lazos familiares pero sobre todo deportivos, Jesús Álvarez Domínguez chegaba a Valdeorras no verán de 2022 para facerse cargo dun club de fútbol recén fundado, atraído pola ilusión dos mozos que llo propuxeron. “En apenas cinco minutos falando con eles xa me din conta de que pagaba a pena meterse”, asegura o técnico, natural de San Pedro de Trones aínda que vive en Ponferrada, que nese momento collía as rendas do CD Córgomo Vilamartín, logo da súa traxectoria como xogador de fútbol sala e fútbol, formando parte do plantel do CD Barco e do primeiro equipo da Ponferradina, ademais do seu pasado en clubs coma o CD Puente ou o CD Cuatrovientos.

Ser o primeiro adestrador da historia do club será un orgullo pero tamén unha responsabilidade.

Si, por suposto. E iso que en ningún momento se pretendía marcar un obxectivo como o ascenso. Ao principio a idea era sacar o proxecto adiante e enganchar á xente da zona, algo que conseguimos. Estou alucinando con iso, coa afección que arrastra o equipo. Eu estou acostumado ao fútbol na zona de Ponferrada, en diferentes categorías incluso preferente e máis alta, e hai equipos que non teñen a metade da afección que hai nesta zona en xeral e iso tamén xera moita ilusión a verdade, tanto a min como ao resto do equipo, algo que temos que aproveitar.

Unha vez conseguido ese primeiro obxectivo de enganchar á afección e dada a situación do equipo (2º empatado a puntos co líder), ¿toca pensar no ascenso?

E un partido menos. Non era o obxectivo inicial pero unha vez que estás aí, pasada xa a metade da tempada e ás portas, ¿porque non soñar con iso? Se se pode ascender perfecto e se se pode quedar primeiro mellor. Xogar unha promoción debería ser o obxectivo porque están equipos como o Rúa ou Viana, con moita historia, pero tampouco podemos descartar nada. No fútbol as cousas poden ir moi ben e estar arriba ou moi mal. É a cara e a cruz, os que están ben con ilusión e ganas de seguir e os que se meten abaixo e tiran a toalla. É certo que hai que ter en conta a calidade pero xa podes ter moi bo equipo que como non queira entrar o balón non hai nada que facer.

 

Jesús Álvarez coa bufanda do club./ Foto: torfy (CD Córgomo Vilamartín).

 

¿Cal foi o partido que máis lle gustou ata o momento?

Pois hai dous cos que estou especialmente contento. Un é o que xogamos contra o Rúa e perdimos 2-3. É certo que tivemos moitos problemas, entre eles a lesión do porteiro, pero foi moi bonito e ganaron eles como pudemos ganar nós. O outro é o que xogamos contra o Antela en casa. Perdimos 0-3 pero para min foi dos mellores partidos que fixemos esta tempada. Pola contra hai partidos como o que xogamos contra o Espadana que vendo o resulado (0-4) podes pensar “menuda paliza” pero non, foi moi reñido e tivemos que traballalo moito. Os resultados non sempre se corresponden cos partidos e menos nesta categoría.

¿Cal é a fortaleza do CD Córgomo Vilamartín? ¿E o punto débil?

Eu creo que sobre todo a unión que hai porque somos unha piña. E como exemplo temos a un dos xogadores que a pesar de estar lesionado quixo ir con nós ao último partido, meténdose dúas horas de viaxe un domingo pola tarde só para estar cos compañeiros. Iso dice moitos dun equipo e do compromiso dos xogadores. Estes rapaces meréceno todo. De todas formas mellorar sempre temos que mellorar, en todo. Do que había cando empezamos en agosto con xogadores que estaban noutra actividade, con tempo sen xogar e demais ao que hai agora melloramos moitísimo, pero claro, hai que seguir mellorando tanto técnica como tacticamente porque se queres competir cos equipos que teñen máis traxectoria, tes que estar ao 100% e iso é precisamente o que nos falta, un pouco de veteranía porque o plantel é de xente moi nova e a experiencia tamén conta moito.

Artigos relacionados

Back to top button