A terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño, a etapa raíña entre Esgos e Rubiá foi especial. Non en van o seu duro e percorrido, por boa parte das comarcas de Terras de Trives e sobre todo Valdeorras, foi unha auténtica homenaxe para un territorio e unha poboación duramente afectada polo incendio do pasado verán.
A celebrada na xornada deste sábado 25 de febreiro (O Camiño de Ourense), tralas etapas das provincias de Lugo e Pontevedra, puxo tamén a proba á organización (centrada no seu promotor, Ezequiel Mosquera) e no tamén ex ciclista Óscar Pereiro, tendo que modificar sobre a marcha e debido ás inclemencias do tempo (a neve e o frío complicou a xornada), un percorrido pensado dende hai xa moito tempo. Así, ademais de retrasara a saída case unha hora, a fermosa subida a Santa Mariña (concello do Barco) que tiña dobre pasada, era eliminada, recurtando tamén en 2,5 km a meta no Alto do Castelo, xa no Concello de Rubiá.
Ao final a etapa quedou nuns 120 km que os ciclistas percorrían a bo ritmo. Finalmente e tras un complicado ascenso por algunhas das zonas máis afectadas polo lume como A Veiga de Cascallá, O Barrio e O Castelo, o corredor danés Jonas Vingegaard (Jumbo-Visma) proclamábase campión da etapa ratificando o seu liderato na xeral. Segundo era Rubén Guerreiro (Movistar Team) e terceiro Attila Valter (Jumbo-Visma).
Na meta, onde Jonas recibiu as correspondentes camisetas e agasallos, había moita afección e tamén representantes políticos entre os que figuraban algúns dos alcaldes ou representantes dos concellos polos que pasou a proba (Trives, A Rúa e O Barco foron metas voantes), o vicepresindente da Deputación de Ourense ou o delegado da Xunta en Ourense.
Estaba tamén un convidado de excepción, o campión Miguel Indurain que xa pola mañá realizaba unha ruta cicloturista por boa parte do percorrido.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.