CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Jorge Álvarez: “Esta noite o estilismo de Tanxugueiras lucirá con todos os seus detalles”

O modisto vianés é o creador do vestiario co que o grupo galego compite no Benidorm Fest para representar a España en Eurovisión

Jorge Álvarez con Olaia Maneiro, unha das Tanxugueiras.

 

Esta noite, a partir das 22:10 horas, toda España estará pendente da televisión. E non é para menos xa que a esa hora arrancará a gran final do Benidorm Fest, o certame do que sairá o representante de España en Eurovisión 2022, e o grupo galego Tanxugueiras está sendo sen dúbida un dos grandes protagonistas.

Co seu tema en galego Terra, son o grupo de moda en Galicia, cunha mestura de sons tradicionais con outros máis modernos que as acercou ao gran público que se lanzou en masa a apoialas. Así, malia a puntuación do xurado na primeira semifinal que as relegaba ao penúltimo posto, a votación popular levábaas ao segundo posto e á correspondente praza na final desta noite.

 

Tanxugueiras co estilismo de Jorge De Álvarez.

 

Unha final que se presenta dura ante o favoritismo de Rigoberta Bandini, Rayden ou a gran sorpresa da primeira semifinal Chanel, todos aspirantes, ao igual que as galegas, a esa ansiada participación no festival da canción europea. Mais Olaia, Sabela e Aída, as cantareiras do século XXI que actuarán en segundo lugar, volverán subir ao escenario do Benidorm Fest coa garra e potencia que as caracteriza, vestidas para a ocasión polo estilista e modisto vianés Jorge Álvarez.

O vestiario, ideado, patronado, cortado e cosido polo propio Jorge, que esta semana cambiou a perruquería que ten en Viana polos camerinos do Benidorm Fest, xa sorprendeu na semifinal, percivíndose nas prendas a esencia do traxe tradicional galego pero adaptado á actualidade, en tons negros, onde resalta o dourado dos complementos e da maquillaxe e con bordados ao aire, esencia do traxe típico de gala, e sen perder o estilo de Jorge De Álvarez, de aí que as cantantes leven pantalón e os bailaríns saia.

 

Un momento da actuación na semifinal.

 

Unha esencia que volveremos ver esta noite, pero moito mellor. “Na semifinal as cámaras meteron planos moi abertos e non se  apreciaba ben todo o que levamos, tanto de vestiario como de maquillaxe, pero hoxe imos  facelo de forma que todos os detalles se vexan ben”, asegura Jorge, recoñecendo que está moi emocionado. “Isto é grandísimo, é un soño para min que se está facendo realidade. Traballamos moito para que esta noite todo saia ben e iremos a por todas pero se non gañamos non pasa nada porque o premio xa o temos”, asegura, adiantando que “a final vén pisando moi forte”.

 

Orde actuación na final desta noite.

 

Artigos relacionados

Back to top button