A vida no seu sentido máis amplo, dende diferentes enfoques e usando diversas técnicas, materiais e formatos é o tema central da exposición incluída na segunda edición do Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano do Barco, enBarcArte.
O título desta mostra, que poderá visitarse ata o 29 de setembro na sala Abanca, é “Vidas humanas” e dos trece creadores participantes nela tan só dous tocan “a outra cara da moeda: a morte… como final da vida humana”. Trátase do barquense Jorge Barredo e do madrileño Sirai, ambos con obras de gran formato.

“Mudei completamente o plantexamento e o estilo con relación á pasada edición e fixen algo que, esteticamente, chega máis á xente. Quería algo difícil, pero que á vez resultase fácil de ver, atraínte. Difícil porque a mensaxe é máis profunda do que parece, porque ti ves as obras e podes pensar que son un exercicio estético, pero posúen moita carga de profundidade xa que están falando da morte en vida, de como separarnos da vida é unha forma de morrer”, comenta o autor, que é ademais o curador e promotor de enBarcArte.
Moi preto dos seus dous cadros están os de Sirai. Son cinco obras moi potentes e que ocupan unha ampla parede. Fotografías que semellan altares á persoas falecidas. “Todo o que fai Sirai ten un porqué, na súas obras non deixa nada ao azar, todo ten un sentido no cadro. E a súa idea é recordar a cada unha desas persoas, amosar como era e que vida tivo”, explica Barredo.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.