
A agulla e o fío non paran nas mans de Jorge Álvarez, o modisto vianés que en menos de quince días presentará a súa nova colección, así como os deseños que foi creando ao longo deste ano. Será o vindeiro 8 de agosto, sempre que a situación sanitaria o permita, no Toural, en Viana do Bolo, nun desfile de moda presentado polo produtor e director Rubén Riós.
Comezará ás 19:30 horas e ademais de estar amenizado por Roberto Deluxe Dj, contará coas actuacións musicais de Paulinha d´Arzoá e Noelia Solleiro.
Organizado coa colaboración do Concello de Viana do Bolo e da Asociación Robreda, o espectáculo de moda no que Jorge De Álvarez amosará catro coleccións, contará con todas as medidas anti covid. “Será obrigatorio o uso de mascarilla e xel, ademais de manter a distancia de seguridade, e se a cousa se complica procederemos a cancelar o evento”, adianta o propio deseñador.
