En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Jorge De Álvarez volve sorprender co espectacular desfile do 10º aniversario, en Viana do Bolo

 

“Grazas a todos os aquí presentes por confiar un ano máis na moda de Viana, porque cada ano somos máis, tanto en público como en organización. Por iso, quero dar as grazas de forma especial aos meus compañeiros que me axudaron e por suposto a todos os modelos e aos colaboradores”. Con estas palabras de humilde agradecemento e visiblemente emocionado polo resposta, Jorge De Álvarez pechaba o desfile do 10º aniversario que compartía coa súa xente en casa, na rúa do Toural, en Viana do Bolo, na tarde do sábado 17 de agosto.

 

 

Aínda que parece increíble en cada desfile (nos últimos tempos cada dous anos), o estilista e modisto vianés logra seguir sorprendendo ao público que responde asisindo masivamente, aplaudindo e felitándoo polo seu traballo, duro e complicado pero tamén fermoso, creativo e ilusionante co que por unhas horas os trasladou a “outro universo de moda e tradición”, que iniciaba hai dez anos cando facía realidade o seu soño, abrir a perruquería Jorge Álvarez Estilistas, introducíndose tamén pouco a pouco no mundo do deseño co cal creceu persoal e profesionalmente.

 

 

 

Nunha terra na que o Entroido se vive intensamente, a presentadora do desfile, a verinesa Esher Estévez, aparecía diante do numeroso público flanqueada por dous boteiros que cos seus vistosos e coloridos traxes facían vibrar aos asistentes.

 

 

E a partir de aí os modelos tomaban a rúa nun completo desfile no que houbo un pouco de todo. Dende prendas de baño ou xoias (de xoiería Pato de Verín), ata unha selección de todas as coleccións creadas por Jorge De Álvarez, pasando polas sofisticadas e elegantes prendas de Pizpireta para rematar cun pase de novos estilismos creados expresamente para a ocasión. Tamén houbo música, da man da verinesa Vicki que puxo son a unha tarde especial.

 

 

Unha vez superados os nervios que o invaden en cada edición e a emoción que o sorprendía neste pero aínda con pouca voz polo estrés dos últimos días, Jorge recoñece que este este foi un desfile especial. Non só por ser o do 10º aniversario, senón porque lograba superarse a si mesmo tanto en calidade como en organización e en público. “Foi todo moito mellor organizado e iso notouse”, di, recoñecendo quedar “encantado tanto con Joyería Pato como con Pizpireta e cos modelos con moita xente nova entre eles o meu propio noivo que pechou o desfile”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button