Co inicio do mes de xuño a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil volvía cobrar vida na Praia Fluvial de San Clodio, con diversos postos de gastronomía e artesanía, e actividades paralelas organizadas dende o Concello.
O recinto feiral abría xa o sábado pero o acto central, o pregón, tiña lugar no mediodía deste domingo 2 de xuño, contando coa presenza de numerosas autoridades políticas (o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, a deputada socialista no Parlamento galego, Lara Méndez; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e alcaldes dos concellos da contorna, entre outros).
O elixido era o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga que leva asistido á festa dende o seu inicio, en diferentes cargos. “O ano pasado, xa como presidente da Confederación case lle pedín en directo que nos tiña que facer algo no pobo e ten en marcha o proxecto dunha depuradora no río Sil”, dixo o alcalde de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela, recoñecendo que “José Antonio é un amigo de toda a vida”.
Na súa intervención, Sotuela tamén tivo palabras de agradecemento para todos os presentes pero moi especialmente para os produtores de cereixa, os tres presentes nos último anos “que aguantan o tipo” pero tamén os que participaban en edicións anteriores porque “fan posible esta festa, sen eles sería imposible”.
Diante do público e dos convidados que aguantaban estoicamente baixo un radiante sol, Quiroga comezaba o pregón recoñecendo que en cereixas non era un experto “pero ao mesmo tempo, son a froita de tempada que máis me gusta e non deixo de recordar, non sen certa nostalxia, que cando era neno e mozo un dos obxectivos principais das noites de finais de primavera coma estas, era xuntarnos para ir ás cereixas dalgún veciño que as amparaba coma se fosen un tesouro”. Tralo repaso por aquelas correrías, “mistura de pracer e perigo”, de tempos pasados “sen móbiles nin consolas”, Quiroga recoñecía a colaboración co alcalde de Ribas de Sil en diferentes andainas, adiantando que “de cara á vindeira edición da festa, a obra da depuradora xa debería estar rematada, ou case”.
No seu discurso, o pregoeiro asegurou que asistir a unha exaltación dos produtos da terra, como é caso das cereixas e do aceite, “é unha ledicia que reconforta e fai acreditar que somos quen de poñer en valor o noso, como un sinal de identidade do territorio, neste mundo baleiro de contidos onde a promoción do propio e do cotián, a reivindicación de produtos e produtores, colle máis importancia e danos autoestima como colectivo”.
Sen esquecer os recursos (naturais, xeolóxicos, gastronómicos, turísticos, culturais,…) cos que conta o territorio de Ribas de Sil “cheo de sedimentos que o fan especialmente fértil, protexido polos montes cos 1.200 metros de altitude e rodeado do Xeoparque Mundial da Unesco onde se poden observar claramente as pegadas da evolución xeolóxica, bordeado e cincelado polos ríos, nomeadamente o mítico Sil, o auténtico arquitecto destas terras”, o pregoeiro tamén fixo referencia ao val como unha das portas de acceso á Ribeira Sacra, “que queren facer Patrimonio da Humanidade, pero cunha declaración onde debía ter máis participación o tecido social”, asegurou a modo de reivindicación.
Máis información e fotos:
Cereixas, viño, aceite e moito máis no XX aniversario da festa de Ribas de Sil (Lugo)
Vídeos: Mónica G. Bellver.